Santiago, 16 de xullo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe por “un acordo de país co máximo consenso” no ditame da Comisión de Estudo de política forestal e prevención e extinción de incendios. Puy concretou que entre as propostas do PPdeG figura reforzar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para mellorar os problemas de estrutura da propiedade no rural galego, así como a creación dun grupo específico de expertos para optimizar o servizo de prevención e extinción de incendios e a súa coordinación cos servizos de emerxencias.
Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular solicitou a habilitación dos meses de xullo e agosto “para avanzar no traballo da Comisión de Estudo e deixar rematado o informe da ponencia”. Neste sentido, sinalou que o Grupo Popular trasladou ao resto dos grupos parlamentarios a súa proposta de ditame, onde ao longo de máis de 200 folios se realiza unha análise dos incendios en Galicia entre os anos 2006 e 2017; se avalían as medidas adoptadas na loita contra os lumes forestais; se analizan as causas dos incendios; e, finalmente, se propoñen 107 recomendacións de actuación para o futuro, que recollen moitas das propostas realizadas pola oposición.
“A primeira das nosas preocupacións ten que ver coa complexidade da estrutura da propiedade no rural galego, que ten dúas consecuencias: unha primeira, a distribución da propiedade en mans privadas con parcelas de tamaño reducido, e, en segundo lugar, un cambio da función da terra nunha sociedade máis modernizada, onde se produciu un cambio no hábitat co desprazamento da poboación cara zonas urbanas e o conseguinte abandono das formas de vida do rural”, explicou.
Así mesmo, o portavoz popular referiuse ao problema existente en Galicia coa estrutura da propiedade, que fai necesario unha ordenación dos usos do territorio. En concreto, recollendo datos facilitados na Comisión de Estudo, sinalou que en Galicia existen arredor de 300.000 parcelas sen titular, ás que se engaden entre un 20 e un 30 por cento de parcelas que se coñece o seu titular pero que este non se da localizado.
INVESTIGACIÓN
“Deste xeito, propoñemos reforzar as competencias da Agader co fin de que poida intermediar entre potenciais inversores e os propietarios de terreos que queiran vender as súas fincas, ao tempo que se promoven procedementos de investigación para atallar o problema dos propietarios ilocalizables”, sinalou. Así mesmo, o Grupo Popular avoga pola creación de polígonos agrarios e forestais, como un instrumento eficaz para canalizar o investimento ao rural galego.
Ademais da mellora da estrutura agraria, Pedro Puy salientou a importancia da prevención dos incendios forestais. Neste ámbito, respectando o reparto competencial entre as distintas administracións, o Grupo Popular demanda “unha maior coordinación de todas as actuacións, centralizado nun ente público de xeito que se facilite o cumprimento da normativa en materia de limpeza de franxas ou uso do territorio”.
En canto ás tarefas de extinción, a proposta de ditame do Grupo Popular recolle a creación dun grupo específico de expertos “para ver como se pode mellorar o actual sistema, partindo da base dun modelo que xa demostrou que funciona razoablemente ben”.