4, setembro, 2018. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que o paro interanual baixa en Galicia e sobe en España porque, mentres na nosa Comunidade goberna o Partido Popular, o conxunto do Estado está xestionado pola inestabilidade do PSOE. “A economía española comeza a sufrir as incertezas que xera o Goberno de Sánchez”, aseverou logo de publicarse esta mañá os datos do paro do mes de agosto.
Segundo sinalou, “os indicadores económicos comezan a frearse, froito dun Executivo que quere desandar o camiño que nos sacou da crise e nos levou a liderar o crecemento en Europa”. De feito, lembrou que o primeiro mes de agosto do Goberno de Sánchez supón as peores cifras de emprego desde 2011, que foi o último mes de agosto que gobernou o PSOE de Zapatero.
“As únicas receitas económicas de Pedro Sánchez son subir todos os impostos, crear algúns novos e endebedarse máis. Son as mesmas receitas que nos levaron ao peor da crise”, insistiu o número dous do PPdeG.
No que respecta á nosa Comunidade, Tellado recordou que somos a Autonomía que rexistra a segunda maior caída interanual do paro, cun descenso do 9,22% -16.701 parados menos-, superando en máis de 3 puntos a baixada media de España. Deste xeito, Galicia leva xa cinco anos consecutivos de caída de paro interanual nun mes de agosto nos que temos 93.100 desempregados menos, e as cifras sitúan á Comunidade en niveis inferiores aos de hai 9 anos.
Ademais, puxo en valor que, por primeira vez nun mes de agosto desde 2011, a Comunidade supere o millón de afiliacións -1.020.388 cotizantes-, o que supón 21.497 afiliacións máis e permite que levemos dez meses consecutivos por riba dos 20.000 afiliados.
Igualmente, celebrou que a contratación indefinida e a tempo completo continúen subindo, pois mentres a indefinida medrou un 58,23% -case 25 puntos máis que na media de España- e supera en máis de 57 puntos o ritmo de subida da temporal; a contratación a tempo completo aumentou un 6,49%, un ritmo que quintuplica o reflectido a tempo parcial.“Somos conscientes de que aínda queda moito por facer e comprometémonos a seguir traballando para continuar camiñando pola senda da recuperación”, recoñeceu Tellado ao tempo que indicaba que as cifras respaldan “outra vez máis” as políticas activas de emprego da Xunta.
IMPULSAR A ECONOMÍA
A economía segue recuperándose e con forza en Galicia, apoiada nas políticas da Xunta e na solidez do Goberno galego, xa que, como indicou Tellado, o seu impulso é a prioridade dos populares.
Máis polo miúdo, concretou que o PIB continúa crecendo, pechando o primeiro trimestre cun crecemento anual do 2,8% por enriba de España, e encadeando xa 11 trimestres consecutivos con taxas de crecemento anuais próximas ou superiores ao 3%. De igual xeito, as empresas galegas son cada vez máis internacionais, batendo récords de exportacións –rexistrouse un incremento do 7,3% no primeiro semestre do ano fronte ao 2,9% da media estatal-; e a industria é cada vez máis forte, logo de aumentar a produción industrial un 8% no primeiro semestre fronte o 1,8% da media española.
“Queda demostrado que a estabilidade de Galicia deu os seus froitos na Comunidade mentres a inseguridade e debilidade do Goberno de Sánchez só dan como resultado menos emprego, máis carga fiscal e máis endebedamento para España”, sentenciou.