14, setembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que se a Xulio Ferreiro lle queda un “mínimo de vergoña” debería pedir desculpas a todos os seus veciños e, “ou cesar aos dous concelleiros responsables, ou marcharse á súa casa”; xa que hai tempo que demostrou non ser un alcalde á altura de A Coruña.
Deste xeito se refería ao novo episodio do escándalo da compra irregular de dous pisos neste Concello a un membro fundador da Marea Atlántica. Nese senso, recordou que o Partido Popular leva meses dando a batalla para esclarecer un caso que “desde o primeiro momento nos parecía claro que estaba pragado de irregularidades”.
“Dixeron que mentiamos, que esaxerábamos, que viviamos en mundos paralelos e insultáronnos pero esta semana o Consello Consultivo deunos a razón, e quedou claro que Xulio Ferreiro pretendía darlle 145.000 euros de todos os coruñeses a un amigo seu e de Ada Colau dun xeito dubidosamente legal”, destacou Tellado.
Segundo apuntou, este caso retrata á perfección o talante de Xulio Ferreiro e das Mareas de Podemos: “Dixeron que viñan a rexenerar a política, e entréganlle 145.000 euros dos coruñeses a un membro do seu partido; dixeron que viñan a facer novas políticas de vivenda e a parar os desafiuzamentos, e a única política de vivenda que fixeron en tres anos foi a compra de 6 pisos, cun procedemento que vai ser nulo; e dixeron que viñan a defender á xente do común, e o que fixeron foi culpar aos funcionarios do Concello dos seus erros, cesando a unha xefa de servizo para salvar a cabeza dos concelleiros”.
CONFORMANDO PROXECTOS PARA AS MUNICIPAIS
Por outra banda, sobre o lanzamento das candidaturas ás alcaldías, Tellado subliñou que nestes meses o PPdeG, as agrupacións provinciais e as locais traballaron sen descanso para seguir fortalecendo as súas estruturas e conformando proxectos de cara a maio de 2019.
En canto ás grandes cidades, as primeiras en presentar aos candidatos serán Lugo e Ourense -a vindeira semana será a quenda de Vigo e Santiago-, e o secretario xeral sinalou que estas presentacións son moito máis ca un acto de partido, porque estarán convidados membros destacados da sociedade civil de cada cidade. “Queremos que a xente coñeza á persoa, ao líder que encabezará un proxecto de moderación, de xestión e de traballo duro a prol dos intereses dos veciños”, engadiu ao tempo que apuntaba que tanto Ramón Carballo como Jesús Vázquez son as mellores opcións tanto para Lugo coma para Ourense.
Sobre o candidato en Lugo salientou que “leva feito un traballo excepcional desde que asumiu a presidencia local, cun fortalecemento das estruturas, coa coordinación da labor de oposición, que tamén foi inxente nos últimos meses; e coa construción do proxecto de cidade que Lugo merece e necesita”. “Lugo non merece unha alcaldesa que non votou ninguén, nin en Lugo nin en Cervo; que non fixo nada nos máis de tres anos que leva no cargo; e cuxo único mérito político foi traizoar a quen a puxo no seu posto”, remarcou.
Pola súa parte, sobre Jesús Vázquez manifestou que o seu labor foi moi meritorio nos últimos anos, tanto á fronte do partido na cidade coma na Alcaldía, con todas as dificultades que tivo que afrontar, xa que “non é sinxelo ter en fronte unha oposición que non é quen nin de botar unha man no goberno, nin de poñerse de acordo para construír unha alternativa; que está oposición instalada no insulto, na ameaza e na descualificación persoal; e que crea que canto peor lle vaia á cidade, mellor lles irá a eles”. “Jesús Vázquez acertou presentándose á reelección, porque Ourense merece un alcalde coma el, e estamos seguros de que os ourensáns recompensarán o seu traballo dándolle unha maioría suficiente para non estar maniatado pola oposición irresponsable”, sentenciou.