28, setembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou esta mañá que a Marea de Xulio Ferreiro “o único que fixo en tres anos foi instalar o amiguismo no Pazo de María Pita, ata deixar á cidade nunha situación completamente insostible”.
Así se expresaba nunha comparecencia en rolda de prensa, onde lembraba que as únicas noticias das Mareas de Podemos na Coruña nas últimas semanas foron a anulación da compra dos pisos a un fundador da Marea, porque non cumprían as condicións; e a anulación do concurso para a celebración dunha feira gastronómica, porque parecía presuntamente amañado.
“É moi habitual en política falar de que un goberno municipal dá síntomas de esgotamento, pero no caso do Concello da Coruña, con Xulio Ferreiro á cabeza, podemos dicir que se atopa dando os últimos estertores de vida”, asegurou.
Por este motivo, o número dous do PPdeG fixo fincapé na importancia da candidatura do Partido Popular á Alcaldía deste Concello. De feito, recordou que precisamente hoxe Beatriz Mato se presenta como candidata na Coruña, cunha candidatura que é “froito da súa capacidade de xestión, demostrada durante case unha década na Xunta; da súa xenerosidade co partido, pedindo estar no lugar que entende que pode ser máis útil; e da súa responsabilidade coa cidade, que vive unha situación moi delicada logo de tres anos de desgoberno das Mareas de Podemos”.
ESTABILIDADE FRONTE ESCÁNDALOS
Por outra banda, o secretario xeral tamén valorou as primeiras xornadas do novo Goberno galego que onte se reuniu por primeira vez, o que -segundo destacou- “demostra que, igual que trala vitoria electoral de 2016, Galicia non se parou nin un só minuto”.
“Desde o Partido Popular de Galicia estamos convencidos de que este cambio suporá un novo impulso para a acción do Goberno”, que, como indicou, encara a segunda metade da lexislatura co afán de afrontar e mellorar o presente e a xestión diaria, coa estabilidade institucional do primeiro día.
Desde xeito, Tellado contrapuxo a situación de estabilidade de Galicia coa crise constante que vive o Goberno de Pedro Sánchez, xa que mentres da Xunta de Galicia marchan dous conselleiros “excepcionais por xenerosidade e compromiso co seu partido e coas súas cidades”, do Goberno de España marchan ministros “afogados polos seus escándalos persoais”.
“Sánchez comezou a semana cun novo agravio a Galicia e ao resto de Comunidades autónomas, pactando financiar con 1.400 millóns de euros a Cataluña, de xeito que nos vai facer pagar unha vez máis a todos os españois o apoio dos independentistas á moción de censura; e vaina rematar con dous ministros na sala de espera para ser os seguintes en dimitir”, subliñou ao tempo que engadía que “agora podemos entender por que nomeou a 17, porque se cesa a un ao mes non vai chegar ningún a 2020”.
“Tralas mentiras demostradas da ministra Delgado e as declaracións de 2015 de Pedro Sánchez anunciando que cesaría a calquera que fixese o que fixo Pedro Duque moito me temo que nin todas as viaxes en Falcon lle van valer para escapar dos seus problemas, nin toda a cociña do CIS lle vai servir para maquillar o desastre do seu paso pola Moncloa”, aseverou.
UN PSdeG ANESTESIADO
Na mesma liña, Tellado lamentou tamén que, ante todos os agravios do Executivo nacional con Galicia, o PSdeG permaneza anestesiado sendo incapaz de defender os intereses da nosa Comunidade.
Tal e como manifestou, Javier Losada actúa como un anestesista para que os socialistas galegos queden calados cando o Goberno de Sánchez anuncia que quere retrasar a chegada do AVE a Galicia, cando recortan 200 millóns que pertencen aos galegos da recadación do IVE, cando poñen en perigo os contratos do noso naval con Arabia, cando cambian de opinión con respecto ao Pazo de Meirás e cando deciden financiar a débeda do Porto de Valencia pero non a dos portos galegos.
Igualmente, tamén avogou porque o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, opte por facer unha oposición construtiva para tentar chegar a acordos que beneficien aos cidadáns e deixe de lado a súa actitude combativa, xa que, do contrario, o Partido Socialista de Galicia seguirá abocado a competir por ser a formación “máis marxinal” do Parlamento galego xunto co BNG.