2, outubro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “Galicia pode cumprir o obxectivo de crear, como mínimo, 80.000 empregos nesta lexislatura”.
Logo de publicarse esta mañá os datos de paro do pasado mes de setembro nos que, na evolución interanual, a nosa Comunidade lidera a caída do desemprego en España; resaltou que Galicia conta con 17.737 parados menos, o que supón unha baixada do 9,64%, case o dobre que a rexistrada en setembro de 2017, e que o número de parados descendeu en 18.693 persoas no que vai de 2018.
“As boas cifras só nos invitan a seguir traballando para continuar na senda do crecemento e da recuperación, e hoxe podemos celebrar que imos na boa dirección, con máis de 41.000 afiliados nos dous últimos anos, o que nos permite aproximar a taxa de paro ao 10%”, dixo o número dous do PPdeG.
Nese senso, Tellado manifestou que “a responsabilidade e coherencia do equipo de Goberno galego seguirán trasladándose ás súas políticas activas de emprego para desenvolver programas que contribúan a impulsar a formación, apostando pola dual, que combina unha cualificación de calidade e un compromiso de contratación por parte das empresas; e xerando emprego estable e oportunidades laborais”.
MÁIS OPORTUNIDADES E EMPREGO DE CALIDADE
Cómpre sinalar tamén que as cifras de desemprego están a avalar o esforzo do Executivo autonómico por incrementar as oportunidades laborais dos galegos e por crear emprego de calidade.
O empeño do noso Goberno, unido ao seu rigor, á súa estabilidade e á súa responsabilidade, están contribuíndo á mellora da nosa economía, tal e como amosan os datos: Galicia mantén un forte ritmo de crecemento cun incremento anual do 2,8%, por enriba da media española; un bo comportamento que se traslada a todos os sectores da economía que continúan medrando; e é hoxe unha autonomía solvente situándose no segundo trimestre do ano como a terceira con menor débeda autonómica por habitante.
Así mesmo, a nosa industria é cada vez máis forte, as exportacións continúan batendo récords e o comercio ratifica a súa recuperación cun incremento das vendas polo miúdo.
A IMPORTANCIA DA NOSA ESTABILIDADE
Igualmente, Miguel Tellado salientou que se a nosa Comunidade lidera a caída do desemprego en España non é por un motivo casual senón porque tamén somos líderes en estabilidade institucional. Grazas a isto, Galicia continúa superando o millón de afiliacións que aumentan nun 2,18% -21.628 cotizacións máis-, a maior subida desde 2007; estando máis preto de acadar o obxectivo fixado na Axenda 20.
De igual xeito, mentres que baixa a contratación temporal e a tempo parcial, a indefinida medra un 26,98%, o que confirma o proceso de estabilización do emprego en Galicia.
Ademais, o ritmo de subida dos contratos indefinidos é superior na nosa Comunidade que no conxunto do Estado en máis de 6,1 puntos, e a contratación a tempo completo aumenta un 3,20%. Así, mentres os contratos en xeral soben en Galicia, baixan en España.