17, decembro, 2018.O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta tarde que o Partido Popular de Galicia foi o mellor freo para o nacionalismo galego nas últimas catro décadas. “E seguirao sendo, porque demostrou ser un partido que defende que ser galego e ser español non son incompatibles, senón as dúas caras naturais da nosa identidade”, engadiu.
Así se expresaba na presentación do candidato á Alcaldía de Ribadeo nas vindeiras Elección Municipais de 2019, Daniel Vega, onde sinalou que este municipio precisa un cambio, asegurando que é necesario porque “o BNG ten demostrado ao longo dos últimos tempos que non ten máis proxecto para Galicia, nin para os nosos concellos, ca copiar ao independentismo vasco e catalán”.
Nese senso, lembrou que acaban de confirmalo asinando o acordo para concorrer ás Eleccións Europeas con Esquerra Republicana e con Bildu, nunha lista liderada por un Oriol Junqueras que está no cárcere acusado de delitos moi graves como a rebelión e a sedición. “O BNG estanos dicindo ás claras que, se chegase ao Goberno, o seu modelo de sociedade é o da antiga Batasuna ou do independentismo catalán”, resaltou.
Así, Tellado preguntouse se “están cómodos os votantes do BNG con que o seu partido se coligue cos herdeiros de Batasuna; se están cómodos os votantes do BNG con que o seu partido se coligue con outro cuxos líderes se enfrontan a penas de cárcere por intentar dar un golpe de Estado; e se están cómodos os votantes do PSdeG, que non dubidarían en apoiar ao BNG en Ribadeo se o necesitasen, con que o seu partido teña como socio preferente en Concellos e Deputacións aos que se coligan co independentismo”.
Por este motivo, o secretario xeral animou aos galegos a seguir confiando no PPdeG e non en fórmulas que aínda están por testar xa que “ninguén poderá atopar noutros partidos o que se busca e se atopa no Partido Popular”, sendo o único capaz de parar o nacionalismo e ao populismo, de ofrecer estabilidade e de manter a Galicia allea de problemas que hai en outras comunidades gobernadas por nacionalistas.
Ademais, o número dous dos populares galegos tamén sinalou que disgregar e afastar o voto do centrodereita favorece unicamente a inflar as expectativas do nacionalismo e da esquerda, que ten como único obxectivo poñer en risco as nosas institucións.
DANIEL VEGA, COAS IDEAS MOI CLARAS
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Miguel Tellado pediu a todos os ribadenses que confíen en Daniel Vega, “porque terán a un alcalde novo, pero coas ideas moi claras, un traballador incansable e que será un digno representante do modelo de xestión centrada e responsable do Partido Popular de Galicia”.
De igual xeito, agradeceulle ao candidato o importante paso que dá na súa vida política: “di moito del, e moi bo, ter estas ganas de renunciar á súa posición como deputado autonómico para ser alcalde da súa vila e traballar máis directamente polos seus veciños, como fixo xa nestes dous anos desde Santiago”.
Así mesmo, tamén se amosou agradecido co presidente do PP local, Suso López, do que destacou a súa “grandísima xenerosidade” nos últimos meses, “dando un paso a un lado, pero comprometéndose a seguir traballando coa mesma ilusión e coa mesma capacidade coa que o fixo durante estes anos”; e eloxiou a “aposta decidida e contundente” da presidenta provincial, Elena Candia, e da súa Executiva, “colocando a alguén fundamental no seu equipo para un proxecto fundamental, como é liderar un cambio necesario para Ribadeo”.