Santiago, 4 de xaneiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou esta mañá nunha rolda de prensa que espera un 2018 con máis crecemento, máis emprego e un PPdeG preparado para gañar as eleccións municipais de 2019.
“Despois dun ano cuns datos económicos moito máis ca positivos, debemos esixirnos para 2018 como partido á fronte da Administración central e autonómica máis crecemento económico, máis emprego e de maior calidade, máis crecemento das exportacións e máis desenvolvemento dos nosos sectores produtivos”, subliñou.
Segundo admitiu o número dous dos populares galegos, “2017 púxonos o listón moi alto, pero tamén nolo puxera 2016 e logramos superalo”. Deste modo, apuntou que poderán seguir aproveitando o crecemento económico para pagar a débeda asumida durante os últimos anos e para mellorar os servizos públicos da nosa Comunidade, “que foron, son, e serán as nosas prioridades ao longo destes anos”.
“Logo de máis de oito trimestres consecutivos crecendo por riba do 3%, cremos que a crise xa é un mal recordo do pasado, pero os seus efectos seguen visibles na nosa sociedade”, dixo antes de aseverar que o reto dos populares seguirá a ser mellorar as condicións daqueles que aínda poidan considerarse fóra da recuperación económica. Por ese motivo, recordou que se está fomentando o emprendemento e o emprego en colectivos especialmente sensibles; complementáronse as pensións non contributivas e incrementouse o necesario os fondos da RISGA; e ampliouse a Tarxeta Benvida e a oferta de Casas Niño no Rural.
Por outra banda, Tellado avanzou que nestes primeiros meses do ano está previsto que saian adiante a Lei de Patrimonio Natural e a Reforma da Lei de Saúde, “coa que cremos que se axilizará a administración sanitaria e mellorará a calidade da asistencia nos nosos hospitais comarcais, que ademais quedarán blindados pola nova normativa”.
ANO CLAVE PARA O PPdeG
Durante a súa intervención, o secretario xeral tamén se referiu á actividade do partido, manifestando que 2018 será un ano clave para o PPdeG, sendo a antesala das eleccións municipais de xuño do 2019. Así, despois de tomarse 2017 para a renovación a nivel local e de poñer toda a atención en fortalecer as estruturas internas, este será un ano de construír cara fóra, de presentación de proxectos para cada concello, de elaboración intensa de programas no que as comisións terán que redobrar os seus esforzos e de pechar equipos e listas.
“No Partido Popular de Galicia sabemos que as eleccións non se gañan en quince días de campaña, nin en tres meses de precampaña. Son un traballo ao longo dos anos e sabemos que hai que estar a pé de rúa e preparados para darlle aos nosos veciños o que agardan de nós”, indicou mentres insistía en que 2018 será o ano no que deben reivindicar a estabilidade institucional, o rigor na xestión e a garantía de crecemento que representa o PPdeG, demostrando que este modelo é exportable a todos os concellos.
“O que está claro é que os galegos deben saber que o noso modelo non é o de subir impostos para dar peores servizos, como sucede en Vigo; o da precariedade institucional e a falta de confianza, como en Lugo; ou o de conseguir unha maioría para tomar posesión e logo non aprobar un orzamento, coma en Ferrol”, sentenciou.