Santiago, 6 de febreiro de 2018.- O portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Jacobo Moreira, criticou que os socialistas galegos “racharan hoxe no Parlamento os acordos unánimes acadados sobre as reivindicacións dos funcionarios da Administración de Xustiza, que a Xunta xa está a cumprir en boa medida e sobre os que mantén abertas vías de diálogo cos representantes sindicais”.
No debate dunha proposición non de lei do Grupo Socialista, Moreira lembrou que “neste Parlamento xa se aprobou por unanimidade unha moción e unha proposición non de lei sobre as reivindicacións dos funcionarios da Administración de Xustiza, acordos que a Xunta está a cumprir”. Por este motivo, lamentou que os socialistas “racharan hoxe estes acordos, a pesar dos avances rexistrados xa nas negociacións entre a Xunta e os sindicatos da Xustiza”.
CONSOLIDACIÓN DE PRAZAS
En concreto, o portavoz popular sinalou que existe un acordo sobre a consolidación de prazas de necesidades estruturais, coa conversión en fixos dos postos que leven máis de tres anos con contratos temporais; a reposición de prazas amortizadas, coa creación de novas prazas fixas en substitución das que estaba previsto suprir; a creación dun grupo de traballo específico para abordar as prestacións na situación de incapacidade temporal; ou a equiparación do salario dos funcionarios de corpos inferiores que substitúan en corpos superiores.
Respecto da equiparación salarial, Moreira destacou que “a Xunta fixo unha oferta económica de incremento salarial que permite acadar a media das cantidades percibidas polo complemento autonómico transitorio no resto dos territorios nos que desenvolve as súas funcións o persoal ao servizo da Administración de Xustiza”.
INCREMENTO SALARIAL INASUMIBLE
En concreto, a suba proposta vai dos 660 aos 900 euros ao ano en función do corpo de funcionarios, “o que os situaría nun salario máis alto do que percibían no Ministerio de Xustiza e por enriba da media das comunidades autónomas”.
“Fronte isto, os representantes sindicais manteñen unha reclamación salarial de 270 euros ao mes e que representa entre un 12 e un 16 por cento, inasumible desde un punto de vista material e tamén desde a legalidade, pois a normativa vixente impide ditos incrementos porcentuais”, sinalou Jacobo Moreira.
O portavoz popular defendeu que a Xunta continúe coa súa oferta de diálogo permanente cos representantes sindicais co obxectivo de equiparar o complemento autonómico transitorio das persoas traballadoras ao promedio do resto das comunidades españolas; consolidar as prazas que responden a necesidades estruturais, especialmente as de máis de tres anos; e repoñer as prazas que foron amortizadas naqueles supostos e ámbitos de especial afectación.
Jacobo Moreira reiterou que o Goberno galego “sempre estivo en situación de dialogar e negociar” cos representantes sindicais dos traballadores da Xustiza de Galicia, do mesmo xeito que os deputados do Grupo Popular. “Por iso nos sorprendeu que representantes do comité de folga do persoal de Xustiza rexeitara invitar ao noso grupo parlamentario á reunión que celebraron o pasado venres no Parlamento cos grupos da oposición, porque as portas do noso grupo sempre están abertas”, indicou.