Santiago, 6 de febreiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “imos apoiar os orzamentos da Xunta para 2017 porque son expansivos; equitativos tanto pola vía do ingreso como do gasto; son prudentes nas súas previsións; son equilibrados porque non incorren en déficit; e están contribuíndo a que, unha vez abandonada a recesión, poidamos seguir crecendo e redistribuíndo os resultados dese crecemento para que ninguén en Galicia teña problemas”.
No debate para a aprobación dos orzamentos da Xunta que se celebra hoxe no Parlamento, Puy asegurou que estas contas públicas “son unha mostra da estabilidade política, pero tamén do traballo dun Goberno e dos grupos parlamentarios, dando unha imaxe de absoluta normalidade institucional”.
NOTICIA SIGNIFICATIVA
Neste sentido, cualificou de “noticia significativa” a aprobación destes orzamentos, cando máis de 180 concellos galegos están sen presuposto. Así, subliñou que “Galicia aínda padece as consecuencias da crise, pero está en mellores condicións para saír desta situación”, apuntando que Galicia é unha das tres comunidades autónomas que baixou a taxa de pobreza durante a crise”.
“Estes orzamentos reflicten o fin da recesión, cun crecemento san, cumprindo os compromisos do déficit, onde o investimento crece por riba do gasto corrente e cun marcado compromiso social”, asegurou Pedro Puy.
O portavoz popular manifestou que coa negativa da oposición a apoiar estes orzamentos, “van votar que non a que Galicia manteña as taxas universitarias máis baixas de España, que sexa a cuarta comunidade con menor taxa de abandono escolar, que se incrementen as intervencións cirúrxicas ou se baixen as listas de espera sanitarias; que se atendan a máis de 40.000 usuarios de dependencia; que se incremente a RISGA, así como as prazas de gardería e residencias de maiores; que nos manteñamos como a cuarta comunidade autónoma con menos desafiuzamentos; ou que se incrementa un 30 por cento as partidas para a loita contra a violencia de xénero”.
PUXERON MOI DIFÍCIL PACTAR
Pedro Puy sinalou á oposición que “puxeron moi difícil pactar emendas porque non coincidimos na diagnose da situación”. En concreto, apuntou que “seguen dubidando de que algunha das políticas que facemos teña capacidade redistributiva, ao tempo que non cremos que sexa o momento para un incremento xeneralizado da presión fiscal”.
“O que nos piden é que se suban os impostos da renda e do patrimonio; nos piden unha suba do imposto de sucesións do 30 por cento, un imposto de grandes superficies comerciais, un imposto sobre vertidos de auga, outro sobre emisións de óxido nitroso, e gravames sobre protección civil e loita contra a fraude”, indicou o portavoz popular, quen engadiu que “todo moi inconcreto pero que acabará trasladándose á capacidade de consumo e de aforro das familias, prexudicando o crecemento da economía”.
Así mesmo, Puy sinalou que nas súas emendas a oposición “saca cartos de gasto corrente que non é posible”. A modo de exemplo, indicou que deixan aos conselleiros sen asesores, sen comunicacións telefónica ás consellerías, suprimen na súa totalidade a partida orzamentaria para material de oficina e informática dos xulgados ou retiran cartos que financian a cobertura de TDT ao medio rural galego.
CUMPRIR OS COMPROMISOS
Outra das cuestións salientables das emendas da oposición é que retiran o financiamento aos centros educativos concertados para destinalos a colexios públicos, “pero non din que se vai facer cos 80.000 alumnos que están na educación concertada en Galicia”.
O portavoz popular tamén criticou que a oposición propoña deixar de cumprir os compromisos adquiridos pola Administración galega. En concreto, dixo que “sacan partidas que figuran nos orzamentos para cubrir gastos comprometidos do pasado; anuncian novas obras viarias con cargo ás anualidades do Goberno bipartito ou financian gastos suprimindo as concesións das autoestradas de peaxe”.