Santiago, 2 de febreiro de 2018.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu esta mañá aos socialistas galegos que lle dean aos seus deputados autonómicos liberdade de voto para que poidan apoiar, se así o queren, a prisión permanente revisable para os delitos máis graves. Desta maneira, contribuiríase a abrir un debate no seo do PSOE para que por fin se poñan a carón desta medida que apoia a inmensa maioría da cidadanía, e que iguala o noso código penal có do resto de países europeos.
Tellado lembrou que a semana que vén, no Parlamento galego, o grupo popular defenderá unha iniciativa de apoio a esta medida para os casos de crimes de extrema gravidade como os asasinatos múltiples ou as agresións sexuais con resultado de morte.
“Cremos que este debate serviranos para clarificar as posturas de todas as forzas do panorama galego, xa que algunha non ten representación en Madrid, como o BNG; e para clarificar as posturas daqueles que semellan non tela moi clara”, en referencia á abstención do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na votación celebrada no pleno do pasado mércores e que deixou que saíse adiante, cos votos do PP, unha moción para apoiar a prisión permanente. “Supoñemos que o novo secretario xeral do PSOE vigués, Abel Losada, que é deputado autonómico, será consciente de que a postura do seu partido a nivel local difire da amosada a nivel nacional, que se ten amosado radicalmente en contra”, sinalou.
AS “MENTIRAS DA OPOSICIÓN” SOBRE A SANIDADE
No que respecta ás manifestacións convocadas contra a Reforma da Lei de Saúde de Galicia promovida polo Goberno autonómico, Tellado afeou a actitude da oposición no Parlamento, que utiliza a manipulación e a mentira como arma política sobre a Sanidade. “E como a mentira só se pode combater con realidade, e a realidade está nos datos, creo que é conveniente que deamos algún dato para responder aos que din que queremos desmantelar a sanidade pública”, subliñou.
Desta forma, o número dous do PPdeG recordou que hoxe Galicia inviste 252 millóns máis en Sanidade do que invertía en 2008, cando tiñamos 2.000 millóns máis de orzamento xeral; que se antes se gastaba o 35% do Orzamento autonómico para esta finalidade, actualmente a cifra é de máis do 40%; que agora temos 1.500 profesionais máis no Sergas dos que tiñamos en 2008; que hai un 30% máis de quirófanos, realizamos case 30.000 intervencións cirúrxicas máis ao ano e reducimos os temos de espera; ou que dispoñemos de máis e mellores infraestruturas, xa que un 70% dos galegos usan xa un centro de saúde ou Hospital novo ou reformado.
Segundo sinalou, a oposición mentiu sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que hoxe é o mellor hospital de Galicia; sobre supostos copagos e sobre médicos que ían cobrar por dar altas, e hoxe seguimos a ter un sistema sanitario público e gratuíto; e agora está enganando sobre a reforma da Lei da Saúde pero “o tempo volverá desenmascarar as súas mentiras cos feitos de que a nosa Sanidade mellora día a día grazas á acción da Xunta”.
“FERREIRO DEBE DAR EXPLICACIÓNS OU DIMITIR”
No tocante ao publicado hoxe sobre que a Marea Atlántica mercou a un asinante do seu manifesto un ático como piso social, que no Rexistro figura como local comercial, Tellado tamén se pronunciou. “Que un Concello pague case 55.000 euros a un afín ao partido que goberna por un local que non está acondicionado para o uso que se lle quere dar é un feito o bastante grave como para que o alcalde dea as explicacións pertinentes, e asuma as responsabilidades que lle toquen”, expresou.
Segundo aseverou, unha vez máis, semella que a nova política amosa o peor da vella, “que son o clientelismo e o amiguismo”. Por este motivo, Tellado afirmou que o que Xulio Ferreiro ten que facer é dar de inmediato as explicacións pertinentes ou abandonar o seu cargo.
“A Coruña é unha cidade completamente paralizada, co peor comportamento económico da Galicia urbana. E probablemente isto se explique porque a única forma de que a un negocio lle poida ir ben na cidade é sendo asinante do manifesto de fundación da Marea e amigo do equipo de goberno”, remarcou.
DATOS PARO XANEIRO
Por outra banda, o secretario xeral tamén se referiu aos datos do paro de xaneiro publicados esta mañá. Tellado asegurou que hoxe podemos celebrar que que baixa o número de desempregados con respecto a hai un ano en 22.192 persoas, o que sitúa á Galicia a un nivel de paro inferior ao de hai 9 anos; que segue mellorando a calidade do emprego, posto que sobe o número de contratos indefinidos e de contratos a tempo completo; e que o desemprego segue baixando en todos os sectores económicos, así como nos grupos de poboación de principal atención para Galicia, como son menores de 30 anos e parados de longa duración.
“En definitiva, podemos seguir dicindo que Galicia ten máis emprego e de maior calidade ca en xaneiro do ano pasado”, manifestou.