Santiago, 2 de marzo de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou esta mañá os datos de paro de febreiro coñecidos este xoves salientando as caídas nas cifras de desemprego nos colectivos especialmente sensibles, como os parados de longa duración, os mozos e as mulleres. “Son grupos nos que o Goberno galego está a centrar moitos esforzos con políticas activas de emprego pensadas especialmente para eles, e en meses coma este vemos que están a dar un gran resultado”, aseverou.
Tras subliñar que “a caída do desemprego en febreiro en termos interanuais foi en Galicia máis pronunciada ca na media de España”, celebrou que a Comunidade presente 23.344 parados menos ca no mesmo mes do ano pasado, o que supón un descenso do 9,92% no que foi “o mellor febreiro de toda a serie histórica”. Así, as cifras colócanse en niveis de 2010, isto é, nos máis baixos en sete anos.
No mesmo sentido, Tellado fixo fincapé en que “as tendencias positivas seguen consolidándose” coas afiliacións á Seguridade Social, que cun crecemento dun 1,93% no pasado mes xa rexistran tres anos de subidas consecutivas. En termos máis concretos, celebrou que sexan “sectores clave” como a construción ou a industria os que están a liderar a creación de emprego, e que este fenómeno se reproduza nas catro provincias e nas grandes cidades.
En definitiva, Tellado resumiu os datos coñecidos este xoves como “a constatación de que Galicia consolida a súa recuperación económica”, e ilustrou o seu argumento que feito de que “a Comunidade xa recuperou 52.0000 dos empregos destruídos durante a crise e seguimos con menos parados, máis afiliacións e máis contratacións”.
MOITO POR FACER
O número dous do PPdeG puxo tamén enriba da mesa o feito de que o Goberno galego “non sexa conformista” e, pese aos bos datos que se coñecen mes a mes, siga ofrecéndolle aos cidadáns novas ferramentas para fomentar o emprendemento e o emprego de calidade. Así, hoxe pódese dicir que están en marcha a Estratexia do Autónomo, cunha dotación de 40 millóns de euros ao ano; o Plan de Formación e Emprendemento específico para o rural con 30 millóns; e o impulso á formación para desempregados con 61millóns de euros.
CRECEMENTO DA ECONOMÍA
O secretario xeral tamén quixo facer referencia ao crecemento do PIB galego dun 3,1% ao peche de 2016, o que supón unha tendencia que xa se alonga por catro anos de incrementos sostidos e progresivos. “Esta é a demostración de que as previsións da Xunta non só foron sempre realistas, senón que eran conservadoras”, subliñou, lembrando que o Goberno galego estimaba que a economía da Comunidade medraría en 2016 un 2,5%.
Neste sentido, Tellado insiste en que “a aceleración económica é un feito, xa que nun ano medramos do 2,1% ao 3,1%”, e salienta o bo comportamento de sectores como a industria e os servizos, así como o récord de exportacións, que tivo un aporte fundamental a estes datos e un indubidable efecto positivo sobre o emprego.