Santiago, 22 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita que o Goberno central, en colaboración coa Xunta, proceda ao despregamento de redes de acceso a internet de nova xeración de moi alta velocidade (100 megabytes), empregando os fondos europeos dos que dispoñen ambas administracións, cumprindo os obxectivos europeos de cobertura das redes de nova xeración.
Así mesmo, demándase que se obrigue aos operadores a completar antes de 2020 unha cobertura que permita o acceso a unha velocidade de 30 megabytes por segundo a, cando menos, o 90 por cento dos habitantes das poboacións de menos de 5.000 habitantes de Galicia.
O portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco, agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios a esta proposición non de lei do Grupo Popular, “unha maneira de traballar conxuntamente e de facer maior presión para que todos os galegos conten cunha cobertura de internet adecuada ás necesidades dunha sociedade avanzada”.
Así mesmo, lembrou que “a Xunta leva traballando dende o ano 2010 no fomento da extensión de redes de internet a través do Plan de Banda Larga 2010-2013, grazas ao que a día de hoxe a práctica totalidade das persoas que viven en Galicia teñen posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de cando menos 2 megabytes, a través de redes fixas, sen fíos ou vía satélite”.
“Galicia atópase nun momento de transición dixital, de mirar cara a diante para conseguir que a calidade de acceso ás redes de telecomunicacións sexa o suficientemente positiva para asegurar o seu crecemento e mellorar a súa competitividade”, manifestou Blanco.
Neste sentido, sinalou que “existe unha clara folla de ruta e dentro dela púxose en marcha en xullo de 2016 a primeira das actuacións do Plan de Banda Larga 2020: cun orzamento de 3,4 millóns de euros, aprobouse unha liña de axudas para a extensión de redes de máis de 100 megabytes en 81 polígonos industriais”.
MÁIS DE 60 MILLÓNS DE EUROS
Moisés Blanco explicou que o Goberno central dispón de cerca de 43 millóns de euros, a través de fondos FEDER, para promover a extensión das redes ultrarrápidas en Galicia durante o período 2014-2020, ao que se suman outros 18 millóns que dispón a Xunta, a través de fondos FEADER, para o mesmo obxectivo.
“Tendo en conta a coincidencia de obxectivos e a dispoñibilidade de fondos de ambas administracións, dende o Grupo Popular entendemos que a execución de actuacións conxuntas entre o Estado e a Xunta permitiría unha maior eficiencia, aumentando o efecto multiplicador das axudas públicas, e conseguindo, deste xeito, incrementar o ámbito de cobertura de redes ultrarrápidas que se podería acadar coa intervención pública”, manifestou.
COMPROMISO DOS OPERADORES
Por outra banda, o portavoz popular lembrou que os operadores adxudicatarios de frecuencias de 800 Mhz teñen a obriga de ofrecer conxuntamente antes de 2020 unha cobertura agregada que permita o acceso a unha velocidade de 30 megabytes por segundo ou superior, cando menos, ao 90 por cento dos cidadáns das entidades de poboación de menos de 5.000 habitantes.
“Porén, a mera aplicación a nivel estatal desta previsión, é dicir, obrigar aos operadores unicamente a cumprir ese obxectivo no conxunto do Estado, sen fixar mínimos por comunidades autónomas, podería supor un prexuízo para Galicia, ao tratarse a nosa comunidade da máis dispersa, e unha das máis complexas orograficamente”, indicou Blanco.
Na Comunidade galega, máis de 1,5 millóns de persoas residen neste tipo de entidades de poboación, representando un 55 por cento do total da poboación, ao tempo que só 46 dos 30.000 núcleos de poboación teñen máis de 5.000 habitantes.
Deste xeito, Moisés Blanco avanzou que, “co fin de evitar prexuízos a Galicia e en pos dun mellor equilibrio territorial do Estado, resulta preciso que as obrigas de cobertura derivadas da concesión destas frecuencias se territorialicen, obrigando aos operadores a cumprir ese mínimo de cobertura no ámbito da Comunidade galega”.