Santiago, 12 de xuño de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe como “viaxe importante” e “excelente idea” a visita que o Presidente da Xunta está a facer a China porque “confiamos que funcione ben e se abran novas oportunidades para as exportacións, para incrementar o turismo procedente deste país asiático e para establecer canles institucionais que permitan mellorar as relacións”.
Pedro Puy lembrou que “é a primeira viaxe institucional a este país asiático” dun Presidente da Xunta e concretou que “ten tres obxectivos principais: intensificar as relacións económicas e empresariais entre os dous territorios, facilitar os contactos institucionais, e promover o turismo chinés cara Galicia”.
“É un mercado que lle interesa a Galicia”, sinalou o portavoz popular, quen lembrou que o Presidente Feijóo está acompañado na visita polo conselleiro de Industria, a directora de Turismo e unha trintena de empresarios e representantes diplomáticos.
Puy manifestou que “un dos factores que está facendo medrar a economía galega, mesmo por enriba da española, son os datos das exportacións”. Neste sentido, explicou que “non so medra o número das exportacións das grandes empresas, senón que estamos a ter outros datos positivos como a incorporación de empresas de menor tamaño ou a importancia de que comeza a haber diversificación sobre os destinos das exportacións”.En concreto, indicou que no mes de marzo as exportacións de Galicia ascenderon a 2.000 millóns de euros, mentres que as importacións foron de 1.500 millóns, cun saldo exportador favorable de 25 puntos. No caso concreto de China, as exportacións ascenderon a 20,8 millóns (1 por cento do total das exportacións galegas) e unhas importacións de cerca de 60 millóns (case o 4 por cento do total de Galicia), cun saldo negativo de 40 millóns de euros.
ANALIZAR A SITUACIÓN
Cuestionado sobre a compra do Banco Popular por parte do Banco Santander, Pedro Puy asegurou que o Goberno galego “vai analizar a situación e interesarse polas transformacións que poida haber na estrutura deste entidade financeira”. “No suposto de que a tendencia previsible sexa a supresión de oficinas e postos de traballo, tentaremos que o dano sexa o menor posible para o conxunto do emprego e da economía galega”, dixo.
O portavoz popular lembrou o acordo acadado o pasado venres no Parlamento para solicitar ao Goberno que elabore un informe sobre como está incidindo o proceso de reestruturación bancaria na atención aos clientes. Deste xeito, apuntou que “a integración do Banco Santander e o Banco Popular resulta unha situación que o informe aclarará se incorre en riscos de tendencia ao oligopolio e sitúa aos consumidores nunha situacións de desvantaxe”.
Sobre as críticas da oposición á actuación do Goberno galego neste asunto, manifestou que “non deixa de ser a típica demagoxia e o típico tic automático destes grupos da oposición, que o único que saben facer é botarlle a culpa ao Goberno de todos os males que pasan”. Así, cualificou de “política baseada na incongruencia e na descualificación que non resiste o máis mínimo análise”.
A LEI HAI QUE CUMPRILA
Puy tamén respondeu a preguntas sobre os incidentes provocados polas manifestacións pro-okupas en Santiago esta fin de semana e afirmou que “a lei hai que cumprila”. “Hai que cumprila respectando as actuacións do Poder Xudicial, respectando as actuacións das forzas e corpos de seguridade e hai que cumprila respectando o dereito de manifestación”, sinalou.
“Confío que o paso do tempo leve a que a situación se normalice, porque este tipo de acontecementos que alteran a orde pública non son bos nunha cidade, e moito menos nunha cidade como Santiago que ten unha dependencia moi relevante do sector turístico”, matizou.