Santiago, 30 de xuño de 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, retomará na tarde deste venres a xira que o levará por distintos concellos este verán para continuar escoitando de primeira man as inquedanzas e propostas da cidadanía. A súa axenda comezará nos municipios ourensáns de Toén, Cartelle e Arnoia, e xa ten visitas confirmadas para os meses de xullo e agosto.
De igual modo que acontecera o ano pasado, o líder dos populares galegos aproveitará o período estival para percorrer toda a Comunidade recollendo as impresións dos seus veciños. “Queremos seguir demostrando que o presidente é accesible e sensible ás demandas dos seus veciños”, apuntou o coordinador de Organización do PPdeG, Alberto Pazos, e subliñou que “no seu día xa advertimos que os encontros coa cidadanía eran unha iniciativa que trascendía os obxectivos electorais e que queriamos manter o contacto de xeito permanente”.
Así, Pazos quixo ponderar o feito de que Núñez Feijóo vaia volver a poñer o foco no “ti a ti” cos veciños dos pequenos concellos, sen sequera convocar aos medios de comunicación. “Queremos repetir os espírito dos ‘Faladoiros’, que os veciños poidan falar co seu presidente con total liberdade e confianza, que lles expliquen o que necesitan e en que cren que podemos mellorar”, concluíu.
O ÉXITO DO FALADOIRO
Cómpre lembrar que o verán pasado a xira ‘A Galicia que ti queres’ levou ao presidente do PPdeG polas catro provincias galegas durante os meses previos á campaña electoral.
Co seu ‘Faladoiro’ o líder dos populares galegos fixo unha parada por diferentes concellos da nosa comunidade, deténdose en Monterroso, A Guarda, Teo, Gondomar, Nigrán, Ribadeo, Foz, Ribadavia, Oleiros, Ordes, Oroso, Piñor, Cea, Moraña, Fisterra, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Pontecesures, Cabanas, Padrón, Narón, Fene, Negreira, Teo, Lobios, Combarro, Sanxenxo, O Saviñao, Carral, Amoeiro ou Maceda.
O éxito e bo funcionamento desta ruta reflectiu esa sintonía do PPdeG coa maioría social de Galicia e serviu para tomar nota das preocupacións dos veciños que, ademais de falar persoalmente co presidente, puideron depositar todas as súas propostas por escrito nunha urna que os populares empregaron para deseñar o seu programa electoral de cara ás eleccións autonómicas.
Deste xeito, recibiuse directamente da xente información moi valiosa de cómo perciben o funcionamento dos servizos públicos, así como ideas de mellora para as políticas populares.
Con este tipo de iniciativas, o PPdeG amosa unha vez máis que é en realidade o partido que máis se parece a Galicia e o que máis preto está dela. Deste xeito, mentres as outras formacións están pechadas nas súas sedes pelexándose polas súas liortas internas, os populares continuarán saíndo á rúa a escoitar tranquilamente e de ti a ti as propostas da cidadanía.