Santiago, 17 de xullo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que “botarlle a culpa ao Presidente da Xunta da non transferencia da AP-9 a Galicia é non entender a dinámica de traspasos neste momento en España nin as relacións que existen entre un goberno autonómico e o traspaso de competencias”. Neste sentido, indicou que “o lóxico sería manter a unidade de accións que pediu o Presidente da Xunta para este proxecto” e lamentou que as declaracións que están a realizar os grupos da oposición “non axudan” para conseguir o traspaso da AP-9.
“Se alguén pensa que a maior dificultade para o traspaso da AP-9 é o Presidente da Xunta é que non entende nada de que vai esta transferencia, tendo en conta que xa foi pedida por outros gobernos galegos e estando gobernos de distintas cores en Madrid”, manifestou Pedro Puy.
Neste sentido, explicou que esta situación “non ten que ver con quen sexa o Presidente da Xunta, senón coa situación política en xeral”. “Vivimos nun estado de corte federal no que hai conflitos e pode haber determinadas comunidades autónomas que piden traspasos que o Estado estima inconveniente, tendo en conta que se apela a un artigo que efectivamente permite que o propio Estado sexa quen decida se a petición das comunidades autónomas se realiza ou non”, apuntou.
Puy considerou “evidente” que o actual Presidente da Xunta “está impulsando, como fixo cando estaba na oposición, o traspaso da AP-9, que incluso pode xerar algún problema nas relacións cun goberno do PP en Madrid como consecuencia desta discrepancia”.
PROBLEMA DE QUEN VETA O TRASPASO
“Se o que se quere é pensar que o problema non está no Estado, que é quen veta o traspaso, senón en quen o pide, podo entender que preocupa menos o traspaso que intentar botarlle a culpa a quen non ten a responsabilidade dese traspaso”, manifestou.
O portavoz popular lembrou que o Presidente da Xunta “pediu unanimidade e apoio para este proxecto, e este tipo de declaracións dos portavoces da oposición non axudan”. “Sería mellor que os portavoces insistiramos na conveniencia deste traspaso e non en botar a culpa de que ese traspaso non se produza como consecuencia da estrutura federal do Estado e de circunstancias noutras comunidades que poden afectar á posición do Estado en materia de transferencias, que confiamos poder sortear para conseguir o traspaso”, engadiu.
Puy afirmou que a demanda de traspaso da AP-9 “vén demostrar que a maioría dos traspasos previstos tanto na Constitución como no Estatuto de Autonomía están realizados”, polo que situou “no financiamento o debate importante neste momento”.
“O que importa agora son outras cuestións, como o financiamento autonómico, o que non quere dicir que esteamos a favor dalgunha transferencia adicional, como a AP-9”, concretou. Así, dixo que “hai pouco que transferir e o fundamental é que o Estado, nestes momentos que hai ameazas claras de ruptura da organización territorial do Estado, tende a non ser especialmente propicio”.