O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este domingo xunto co presidente local do partido en Santiago, Agustín Hernández, nunha concentración na Praza do Obradoiro a favor da convivencia en Cataluña e contra o acoso a cidadáns e membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Alí sinalou que en Cataluña, unha minoría está empregando a violencia contra os que non pensan coma eles.
Deste xeito referiuse aos actos de intimidación que están a sufrir os membros da Garda Civil e a Policía Nacional nas últimas semanas e lembrou que no Partido Popular de Galicia “non hai equidistancia de ningún tipo”, xa que estamos coa nosa Constitución, coa Lei, co Estado de Dereito e cos axentes que velan pola seguridade do país, xa que son os garantes das nosas liberdades civís e da nosa democracia.
Neste sentido, subliñou que o goberno da Generalitat quixo amedrentar aos que xa marcharon, como algunhas empresas, e aos que aínda non o fixeron e “queren que se sintan forasteiros no seu país”. Tamén lamentou a postura de partidos coma o socialista, que por veces parecen ter un discurso manifestamente ambiguo nesta cuestión, e o de Podemos, aos que Tellado ve “do lado dos secesionistas”.
“Sen Lei non hai democracia e sen Lei non hai dereitos dos individuos” sinalou, para afearlle a esta minoría que está fora da Lei estar empregando o acoso e a violencia contra os cidadáns que non pensan coma eles, “a maioría silenciosa que hoxe quixo saír á rúa”. Deste xeito, tamén lembrou que esta mesma semana tanto o BNG coma as Mareas de Podemos se negaron a condenar os acosos organizados contra políticos de todo signo, os comunmente coñecidos como “escraches”.
“Non hai nin pode haber diálogo con quen quere saltarse a Lei. Cando alguén ve que se comete un delito non dialoga co delincuente, senón que o denuncia e chama á Policía”, insistiu, para acabar reivindicando unha vez máis o modelo de Galicia, un lugar onde temos moi claro que non hai conflitos de identidade. Desde o PPdeG volvemos insistir en que aquí sabemos que un pode sentirse galego e español ao mesmo tempo, porque non é excluínte, e estamos moi orgullosos de sentirnos así.
PRIMARIAS SOCIALISTAS
O secretario xeral tamén se referiu ás primarias dos socialistas galegos que se celebran neste domingo, e desexou que con esta elección “acerten e atopen un líder que sexa respectado por todo o mundo para que acaben as acusacións internas de xogo sucio que vimos escoitando nas últimas semanas” porque “cada vez que o PSdeG se equivoca é unha gran oportunidade para o populismo en Galicia”.
No mesmo sentido, agarda que o próximo secretario xeral sexa unha persoa coa que chegar a acordos nos temas clave para a nosa Comunidade despois de “moitos anos nos que non tivemos ningún interlocutor válido”, unha situación que serviu para que os socialistas se convertan xa na terceira forza do noso Parlamento.