Santiago, 24 de novembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que este ano a oposición rachase o consenso contra a violencia machista para intentar desgastar ao Goberno galego. “Cremos que hai temas que merecen altura política e certos partidos neste punto equivocáronse”, subliñou.
Nunha rolda de prensa acompañado pola coordinadora de Igualdade do partido, Susana López Abella, Tellado recoñeceu que non sorprende que algúns fagan oposición de xeito pouco aceptable en temas delicados, pero quizá neste asunto o importante sería que “todos tivésemos claro que hai que estar unidos para acabar coa lacra da violencia, e que só temos un inimigo, que é común, e que son aqueles que exercen a violencia”. “Por iso estaría ben que todos utilizásemos a nosa potencia mediática para ir contra os que maltratan, non contra os partidos ou contra as institucións”, engadiu.
Segundo admitiu o secretario xeral, malia que pode haber campañas que lles poidan gustar máis ou menos, non lle gustaría ver como o seu partido critica unha campaña que busca, coa mellor das intencións, rematar coa violencia machista.
Tal e como lembrou, desde o Partido Popular de Galicia levan varios anos conmemorando o día contra a Violencia contra as Mulleres, “e seguirémolo facendo mentres non sexamos quen de erradicar entre todos da nosa sociedade esta lacra que é totalmente inaceptable”.
Nese senso, Tellado salientou que os populares seguen insistindo no seu compromiso desde as institucións a todos os niveis para mellorar nos eidos da prevención, da concienciación e da atencións ás vítimas. Do mesmo xeito, afirmou que, “se queremos erradicar as actitudes machistas da nosa sociedade debemos traballar cos máis novos, porque son eles os que construirán a sociedade do futuro”, aseverando que o obxectivo é previr, educar e sensibilizar. “E necesitamos que eles constrúan un futuro que debe ter como piares sobre os valores da liberdade, a tolerancia e o respecto, e non a submisión, a desigualdade ou a violencia”, remarcou.
Xa por último, manifestou que continuarán insistindo en que “esta materia nunca debería ser obxecto de oposición, senón de unión entre todos os representantes políticos, que deberiamos traballar a unha e sen tacticismo partidista”.
Pola súa parte, Susana López Abella, apuntou que a violencia de xénero é un asunto de Estado que nos afecta a todos, polo que poñer fin a este problema é un obxectivo “prioritario e irrenunciable”. Así mesmo, fixo fincapé na importancia do consenso “que debe trasladarse dun xeito urxente ao ámbito institucional, político e social”.
Na súa intervención tamén destacou as xornadas de información e formación que o PPdeG organizou nas catro provincias, destinadas a afiliados, simpatizantes e cargos do partido e nas que se escoita de primeira man a voz das vítimas e dos profesionais que traballan neste eido, complementándose así coa intensa axenda da Xunta destinada á concienciación e eliminación desta lacra. Para concluír, López Abella enviou unha mensaxe a todas as vítimas da violencia machista asegurando que “hai saída” e que “confíen no sistema” porque cada día se dan pasos máis importantes para mellorar.