Santiago, 1 de decembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, amosou esta mañá a súa preocupación pola delicada situación que está deixando a seca na nosa Comunidade, cuestionando a actitude dos que intentan enfrontarse á Administración autonómica para tapar as carencias da súa xestión. “Ao tándem Abel Caballero-Carmela Silva o único mal do que lles quedaba por culpar a Alberto Núñez Feijóo era de que non chovese, e esta semana xa o fixeron”, aseverou.
Para Tellado, Caballero demostrou durante os últimos nove anos como alcalde non ter máis discurso nin programa que o de ir contra a Xunta en todo e, “como están máis centrados en organizarlle escraches á oposición e nas súas prácticas camorristas que en atender os problemas do día a día dos seus veciños, a súa única saída é inventarse un inimigo externo”.
Nese senso, reflexionou sobre como certos discursos simplistas en política é fácil que se volvan contra quen os utiliza. Igual que o nacionalismo catalán, Caballero leva moito tempo enarborando unha estratexia de confrontación baixo o lema de “Galicia nos roba” contra a Xunta, que agora en Ponte Caldelas usan como “Vigo nos roba”, polo que Tellado fixo un chamamento para que as distintas administracións vaian sempre da man e se axuden a superar os momentos de dificultade.
Así mesmo e, malia que a competencia en materia de augas é municipal, desde o Partido Popular de Galicia “vemos dun xeito moi positivo que a Administración autonómica tendese a súa man aos concellos galegos, especialmente aos que teñen ameazas de restricións inminentes”, dixo o número dous dos populares galegos.
Tellado tamén salientou que mentres a meteoroloxía non poña remedio á problemática que estamos a vivir, “consideramos que é unha obriga de todas as administracións poñer da nosa parte para conseguir, dunha banda, paliar os posibles efectos desta seca en concreto e minimizar as molestias que isto lle cree aos galegos; e da outra, prepararnos mellor para futuros incidentes e fortalecer o noso sistema para un mellor aproveitamento dos nosos recursos hídricos”.
“Como Partido Popular de Galicia, entendemos que os problemas deben afrontarse con cooperación entre gobernos e solidariedade entre os galegos, por iso tamén nos gustaría que entre socialistas arranxasen as súas disputas internas e entre Vigo e Ponte Caldelas poidan chegar a un acordo para que entre todos poidamos buscar solucións a este problema”, remarcou.
CONGRESOS PROVINCIAIS PSDEG
Por outra banda, Tellado tamén se referiu aos congresos provinciais do PSdeG, propoñendo como eslogan ás provincias que aínda non o teñan: “¿Qué hay de lo mío?”. E é que tal e como indicou, as primarias autonómicas dos socialistas galegos xa avanzaron moi ben o que ía ser o novo socialismo galego, “que é basicamente o mesmo de antes: loitas de familias e pactos polo carguiño”.
Esta situación, como manifestou o secretario xeral do PPdeG, xa se viu en todas as provincias: na Coruña seis precandidatos reuníronse para conspirar contra o presidente da Deputación e algún acabouse integrando con el; en Pontevedra un dos que apoiou a Gonzalo Caballero acaba na lista dos que van con Abel Caballero e contra o seu secretario xeral; en Lugo Besteiro quere controlar o partido desde a sala de espera dos xulgados; e en Ourense volve Pachi Vázquez presentándose contra os que sempre foran Pachistas.