11, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse a seguir traballando por Ferrol, dando a cara polo sector naval e defendendo a industria de toda a comarca de Ferrolterra, tal e como fixo o Goberno galego nos últimos 11 anos. Neste senso, dixo que traballar polo futuro desta urbe foi unha “prioridade política e de xestión”, así hoxe conta con máis servizos públicos e máis posibilidades de formación.
Nun almorzo balance, ao que asistiron 500 persoas, Feijóo contrapuxo que, mentres uns se dedicaban a pechar posibilidades para que esta cidade puidese manter a actividade nos seus estaleiros e a propor peches de industrias como Reganosa ou a térmica de As Pontes, o Goberno galego dedicouse a buscar carga de traballo para os estaleiros e novas oportunidades para a urbe: “Sempre que houbo problemas, defendemos a industria en Ferrol”. O líder do PPdeG aproveitou para reclamar a implicación do Goberno central cos postos de emprego de Navantia, Reganosa, As Pontes e da industria electrointensiva.
Máis en concreto, destacou o compromiso co naval ferrolán e puxo en valor os 80 millóns de euros destinados a este sector. Recordou, tamén, o apoio á modernización das instalacións de Navantia para configurar o Estaleiro 4.0, o impulso á industria auxiliar no naval de Ferrol, á axuda para converter os estaleiros desta cidade en referentes da eólica mariña e o desenvolvemento dun plan de formación no naval.
ESPECIALIZACIÓN DO CAMPUS E APOSTA POLA INNOVACIÓN
Feijóo referiuse á aposta do Goberno galego polo Campus Industrial de Ferrol, conectando así a universidade co principal motor económico desta zona, e salientou a aposta pola innovación, grazas ao CIS de Ferrol. Asemade, destacou o financiamento de máis de 500 proxectos de pequenas e medianas empresas, que mobilizaron cerca de 120 millóns de euros.
Outro dos ámbitos ao que se referiu Feijóo na súa intervención foi o das infraestruturas, lembrando a posta en servizo do último treito da autovía Ferrol-Vilalba e acometendo proxectos como a VAP da Costa Norte, da que se atopa en redacción o proxecto para a reformulación do treito entre a AG-64 e Sanguiñeira; o acondicionamento da AC-566 entre Valdoviño e Cedeira; e o Plan de Sendas para a comarca de Ferrol, no que se investiu preto de 3 millóns de euros.
No que respecta ao porto de Ferrol, Feijóo referiuse ao préstamo de 9,5 millóns de euros, que permitiu un investimento de 40 millóns de euros para axudar a desenvolver a terminal de contedores e lograr que Ferrol sexa o porto no que máis medrou o tráfico de contedores en 2018.
Respecto das actuacións relacionadas co transporte e a mobilidade dos veciños esta comarca, explicou que non se vai renunciar á chegada do tren de alta velocidade a Ferrol e que se están a dar os primeiros pasos na estación intermodal.
Outro dos apartados analizados por Feijóo na súa intervención foi o saneamento integral da ría de Ferrol, un proceso que supuxo un investimento global de 278 millóns de euros. Neste momento, estanse executando as obras de saneamento da Malata, que permitirán completar a deputación integral da ría ao longo deste ano.
MÁIS SERVIZOS PÚBLICOS
En materia de educación, lembrou as obras realizadas, por máis de 8 millóns de euros, en centros como o IES Sofía Casanova, a EPA Santa María Caranza, o CIFP Ferrolterra ou o CEIP Cruceiro de Canido.
Tamén se facilitaron máis recursos ás familias para a atención dos seus fillos, dotando a Ferrol de 678 prazas públicas en escolas infantís, cunha ratio do 63% fronte ao 22% que había en 2009. Ao longo destes anos acometéronse actuacións como a Escola Infantil de Esteiro, dotada con 82 prazas e financiada pola Fundación Amancio Ortega; ou a Escola Infantil de Caranza, de 41 prazas.
Sobre os servizos de atención para os maiores, Feijóo apuntou que en Ferrol hai 643 prazas públicas en centros ou residencias, logo dun incremento do 58 por cento desde 2009. A estas engádense outras 302 dúas prazas públicas operativas para persoas con discapacidade e 253.000 horas anuais asignadas ao Concello par ao Servizo de Axuda no Fogar, logo dun incremento do 49 por cento nesta lexislatura.
En canto ás infraestruturas para atención á dependencia, acometéronse actuacións na residencia de Caranza, no centro de atención á discapacidade de Souto de Leixa; nos centros de día de Esteiro, Caranza, na antiga Casa do Mar e no de Cogami; e, de cara ao futuro, incorporarase unha nova residencia de maiores de 120 prazas no Boial.
Segundo sostivo, no que se refire á carteira de servizos sociais, Ferrol ten unha nota de “sobresaínte”.
UN HOSPITAL PARA OS PRÓXIMOS 50 ANOS
Respecto da mellora das infraestruturas sanitarias, Feijóo referiuse á ampliación do centro de día de Serantes e ao acondicionamento do Hospital Naval. Asemade, destacou a ampliación do Hospital de Ferrol, cun investimento de 56,8 millóns de euros para acometer dous novos edificios e pasar de 43.000 a 67.000 metros cadrados, deixando así “un hospital para os próximos 50 anos”.
No eido da vivenda, destacou que Ferrol conta con catro ARI declaradas (Magdalena e Ferrol Vello; A Graña; Esteiro Vello e Recimil); o desenvolvemento do solo residencial de Bertón, no que xa se executaron 52 vivendas de promoción pública e recentemente se sacaron a concurso publico oito parcelas para construír máis de 400 vivendas protexidas; ou o desenvolvemento do Plan Rexurbe Ferrol, no que xa se mercaron 19 inmobles.
Para rematar, o presidente do PPdeG recordou, ademais da construción do novo auditorio de Ferrol, a rehabilitación do edificio antigo dos xulgados.