Santiago, 27 de abril de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, defendeu hoxe que as regras sobre a desescalada da crise do coronavirus “deben tomarse a nivel nacional, pero deben executarse posteriormente por parte das comunidades autónomas en base ao coñecemento da realidade que teñen do seu territorio”.
Respecto do funcionamento da Deputación Permanente do Parlamento galego, Puy amosou a “vontade de chegar a un acordo cos grupos da oposición, partindo da base de que sempre defendemos que o Parlamento debería permanecer aberto en todo momento”.
Pedro Puy informou que esta mesma mañá tivo lugar unha reunión telemática dos deputados do Grupo Popular que forman parte da Deputación Permanente, “na que fixemos un repaso da crise sanitaria que vivimos e amosamos a nosa coincidencia en que as decisións adoptadas polo Goberno galego foron boas para que os efectos desta crise non foran tan intensos como temos visto noutros territorios de España”.
Respecto da actividade no Parlamento galego, o portavoz popular lembrou que se teñen celebrado tres Deputacións Permanentes, nas que compareceron o Presidente da Xunta, o vicepresidente e os conselleiros de Política Social, Sanidade e Educación. Esta mesma mañá sumouse a solicitude por iniciativa propia dos conselleiros de Facenda e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para comparecer na Deputación Permanente (que terá lugar o vindeiro mércores, 29 de abril), ás que se engadirá que o propio Presidente da Xunta xa anunciou que volverá a comparecer diante da Deputación Permanente nos vindeiros días.
REUNIÓNS FRANCAS E ABERTAS
Así mesmo, Puy referiuse ás seis reunións telemáticas que o Presidente da Xunta celebrou con portavoces e candidatos dos grupos da oposición, nas que demandaron e se lles facilitou diversa información sobre as UCIs existentes en Galicia, o estudo epidemiolóxico que está a realizar a Xunta, a distribución de máscaras, a realización de test. “Foron reunións francas e abertas, con preguntas que o Presidente contestou e propostas da oposición que se comprometeu a estudar”, indicou.
Pedro Puy defendeu a posición expresada polo Presidente da Xunta para que no proceso de desescalada da crise do coronavirus “haxa uns criterios ou un cadro de mando único para toda España, pero que sexan as comunidades autónomas as que apliquen esas decisións nos seus territorio, ou, máis en concreto, por áreas sanitarias como propuxo o Presidente Feijóo”, sinalou.
Ao respecto de que os criterios sexa exclusivamente autonómicos, Puy lembrou “os problemas que xerou ao inicio da crise sanitaria o feito de que algunhas comunidades autónomas tomaran decisións que afectaron a outras polo desprazamento de persoas sen control”.
APROPIACIÓN DE RECURSOS POLO GOBERNO CENTRAL
O portavoz popular tamén amosou o seu apoio á solicitude de convocatoria dun Consello de Política Fiscal e Financeira. “Esta crise sanitaria vai ter máis efectos na sociedade como consecuencia da crise económica e o decrecemento que vai a ter o produto interior bruto en toda España”, explicou. Neste sentido, salientou que “a Xunta está facendo todo o que está na súa man na loita contra o coronavirus, o que implica tomar decisións de gasto cos propios recursos, reducindo o gasto corrente”.
Porén, lamentou que o Goberno galego “estea levando a cabo medidas sen ter recibido ningún criterio do Goberno central, quen se está apropiando de recursos que estaban comprometidos no gasto autonómico, como aconteceu co orzamento destinado a políticas de emprego”. Por este motivo, Pedro Puy defendeu a proposta da Xunta de convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira “para establecer unhas mínimas bases de funcionamento das contas públicas, tendo en conta a perspectiva de caída dramática dos recursos públicos, e tamén para concretar como se van distribuír os fondos que aprobe a Unión Europea”.