20, maio, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reivindicou que as eleccións do vindeiro 12 de xullo “non son a nosa prioridade porque a prioridade segue a ser combater a pandemia”, engadindo que o importante para os populares seguirá sendo preservar a saúde dos galegos, a recuperación económica e curar as feridas sociais que vai deixar esta crise.
Por este motivo, precisou que desde o Partido Popular de Galicia non se vai acometer unha campaña de dous meses nin se lle pedirá ao seu candidato que empregue nos comicios unhas enerxías que están centradas ao máximo na xestión desta crise. Pola contra, manifestou que á oposición interésalle acometer unha precampaña longa xa que quizais nestes meses non saíron en ningún instante da clave electoral, “pero non nos van atopar nesa dinámica”.
No mesmo sentido, Tellado lamentou a profunda incoherencia dalgúns partidos da oposición neste tempo, que primeiro se negaban a suspender as eleccións porque dicían que en España se votou en situacións moi complicadas, como tralos atentados do 11M, e que agora non quixeron reactivar o proceso.
Ademais, lembrou que cando se debateu a suspensión electoral, pedían unha data alternativa, sen coñecer a imprevisible evolución da pandemia, para que o mandato non se alongase indefinidamente. Sen embargo, agora que hai unha data -baseada en criterios técnicos e epidemiolóxicos e que é a que máis se axusta ás recomendacións dos expertos xurídicos e sanitarios- solicitan que o mandato se alongue polo seu interese político, sen garantías legais e sen explicar cales son as súas propostas para a gobernabilidade de Galicia.
Así mesmo, na votación do Congreso dos Deputados, o PSOE, Podemos e o BNG favoreceron que se aprobase o texto que habilitaba a convocatoria electoral, mentres que agora protestan porque se aplique a normativa que eles mesmos impulsaron e que algún dos candidatos, como Gómez Reino, que segue a ser deputado en Madrid, votou favorablemente.
O secretario xeral tamén contrapuxo a actitude dos socialistas vascos, que forman parte do Goberno, que defenden que o 12 de xullo é a mellor data posible, coa do PSdeG, “que segue na posición de opoñerse a todo sen ofrecer alternativas a nada”.
UNHA OPOSICIÓN QUE GALICIA NON MERECE
Durante a súa intervención en rolda de prensa telemática, o número dous dos populares galegos aclarou que a actitude do resto de partidos non sorprende ao PPdeG. “Nin a nós, nin probablemente á maioría dos galegos”, resaltou.
Segundo subliñou, “estamos xa moi acostumados a unha oposición que é capaz de criticar unha cousa e a súa contraria, que desde a súa absoluta inexperiencia na xestión se limita a ser comentarista da realidade e cuxo único obxectivo é destruír e nunca construír ou propoñer”.
“Galicia non merece esta oposición, o que merece é un Goberno autonómico sólido, cohesionado, útil e preparado para acometer a recuperación sanitaria, social e económica. E seguiremos traballando, incansablemente, porque siga tendo ese Goberno, que é o liderado por Alberto Núñez Feijóo”, sentenciou.