14, maio, 2020. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, sinalou que ao PPdeG lle gustaría que a oposición dese tamén unha opinión baseada en criterios técnicos e sanitarios, ao igual que fixo Feijóo; e non unicamente na opinión dos líderes de cada un dos diferentes partidos que a conforman.
Así, instou aos grupos a non caer en demagoxias nin en oportunismos, xa que son conscientes de que a lexislatura expira en semanas, da situación epidemiolóxica que ten Galicia e de que a prórroga do Estado de Alarma habilita a convocatoria electoral. De feito, tal e como expuxo, nin PSOE, nin Podemos nin BNG se opuxeron no Congreso á emenda do PNV que permite a convocatoria electoral.
Para Tellado, sorprende a postura contraditoria do PSOE, que di unha cousa no País Vasco -que se amosou a favor dunhas eleccións en xullo- e a contraria en Galicia; polo que, se tivese un mínimo de coherencia, o PSdeG apoiaría a convocatoria electoral. Do mesmo xeito, chámalle tamén a atención a postura do BNG que, tras votar a prórroga do Estado de Alarma, agora quere renunciar ao autogoberno e prefire que nos marquen a data das eleccións.
Considerou que os partidos teñen a oportunidade de ser construtivos e de dar a súa opinión con lealdade e pensando no benestar de Galicia. E subliñou que “os informes son concluíntes”: o mellor momento para convocar eleccións é canto antes, desde un punto de vista sanitario e con todas as garantías xurídicas.
UNHA DECISIÓN RESPONSABLE
Neste punto, dixo que o PPdeG comparte a vontade do presidente de consultar aos técnicos, tanto sanitarios como xurídicos, e aos grupos da oposición, antes de tomar a decisión definitiva con respecto á convocatoria electoral. Neste senso, amosouse convencido de que Feijóo, despois de escoitar todas as partes, tomará unha decisión responsable e “a que mellor responda aos intereses de Galicia, garantindo sempre a saúde pública dos galegos”.
Tal e como manifestou, mentres non se atope unha vacina para o covid-19, teremos que seguir convivindo co virus, polo que “é importante que as eleccións se celebren cando existan as maiores garantías para a saúde pública”.
“Derrotar á pandemia foi o noso obxectivo principal durante estes meses, e seguirao sendo. Un obxectivo que compartimos co conxunto da sociedade galega”, dixo, ao tempo que sostivo que o é tamén atender ás obrigas democráticas, como o é a convocatoria electoral. “A nosa responsabilidade como partido -engadiu- é apoiar que estas poidan celebrar poñendo por diante a saúde dos galegos e galegas, e axudando a que as eleccións se celebren coa máxima garantía de seguridade”.
GALICIA, EXEMPLO DE XESTIÓN E TRANSPARENCIA
Por outra banda, o número dous dos populares galegos incidiu en que “Galicia segue a ser un exemplo de xestión, anticipación, transparencia e de control ao Goberno”. Así, neste punto, finxo fincapé na capacidade do Executivo autonómico de render contas ante a cidadanía e ante o Parlamento, malia estar este disolto.
Tal e como recordou, e tras a comparecencia do presidente da Xunta ante a Cámara a semana pasada; onte mesmo, compareceu o conselleiro de Cultura e Turismo -o sétimo en facelo- para explicar as actuacións ante a pandemia, e catro conselleiros máis contestaron, asemade, ás preguntas dos grupos parlamentarios. En total, 13 comparecencias de membros do Executivo autonómicos desde o inicio da crise sanitaria.
Do mesmo xeito, valorou o exemplo de civismo, bo comportamento, solidariedade e sentidiño dos galegos.