Santiago, 1 de xuño de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe coñecer se o Goberno central quere apoiar o mantemento da industria electrointensiva asociada ao aluminio en España, con medidas como a aprobación do estatuto para as empresas de gran consumo eléctrico.
Así mesmo, considerou que “non ten sentido que unhas comunidades autónomas poidan xestionar o ingreso mínimo vital e outras non”, polo que solicitou ao Goberno de Pedro Sánchez que “reconsidere esta decisión e ceda a xestión a Galicia ou estableza un sistema común para todas as autonomías”.
Pedro Puy comezou a súa intervención reiterando o apoio do Grupo Popular ás familias dos 616 falecidos en Galicia con coronavirus e trasladou ánimo aos 722 enfermos que aínda están padecendo o Covid-19. Estes datos dan idea de que “a pandemia vaise superando en Galicia, pero temos que seguir prestando atención para que non volva a ocorrer e traballar nos temas asociados á recuperación económica e social que temos por diante”.
“Non podemos caer no triunfalismo con relación á pandemia e todos debemos ser responsables e conscientes do fácil que é que se produza un novo rebrote”, sinalou Puy, para quen é “fundamental que se poña en marcha un plan nacional de rebrote que complemente ao que as comunidades autónomas, como a galega, están a facer nos seus territorios”.
O portavoz popular avogou por “comezar a traballar en cuestións que xa apremian pensando nunha rápida recuperación”. En concreto, referiuse á situación da factoría de Alcoa en San Cibrao e informou que o Goberno galego xa ten presentado a súa solicitude para a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para informar da situación da empresa Alcoa logo do anuncio do peche parcial e a apertura dun expediente de regulación de emprego que afectará a máis de 500 traballadores.
DECISIÓN POLÍTICA
“O primeiro e fundamental é saber se o Goberno central quere apoiar o mantemento da industria electrointensiva asociada á produción de aluminio primario en España”, manifestou Puy, quen indicou que se debe “tomar unha decisión política, aínda que os antecedentes non son moi alentadores”.
Pedro Puy dixo que “o problema desta empresa é claramente o prezo eléctrico” e lembrou que durante o pasado ano 2019 as industrias electrointensivas pagaron un 25 por cento máis de media que os seus competidores europeos “e algunhas das decisións que se teñen adoptado nestes dous últimos anos teñen acentuado este problema”. Así, en 2017 se destinaron 525 millóns de euros á interrumpibilidade, dos que Alcoa recibía 150 millóns de euros; mentres que en 2019 a cifra descendeu a 374 millóns, que inclúen tamén as compensacións por emisións indirectas de CO2, polo que estamos a falar de 150 millóns de euros menos.
“Ademais, as poxas de ininterrumpibilidade, que antes eran por bloques de 90MW, os que máis precisa a gran industria para poder ser competitiva, agora se convocan só por bloques de 5MW”, engadiu. Deste xeito, “se en 2017 Alcoa tiña que competir con outras seis ou sete empresas polos bloques de 90MW; agora, na última poxa do Goberno de Pedro Sánchez, Alcoa tivo que competir con 117 empresas e só por bloques de 5MW”, sinalou.
O portavoz apuntou que “non se pode utilizar a escusa da pandemia porque hai marxe para a actuación”, xa que Alcoa “é unha empresa de carácter esencial e debería prolongarse a vixencia desta industria esencial e estratéxica para o futuro de España”.
Puy tamén se referiu á aprobación do novo ingreso mínimo vital e sinalou que, despois de moitos cambios na súa formulación, o que máis sorprende é que non se tome unha decisión coherente en relación coa xestión por parte das comunidades autónomas”. “Estamos de acordo coa súa posta en marcha”, asegurou, para explicar que “en Galicia levamos xestionando desde hai case 30 anos a renda de integración social de Galicia, que fomos quen de convertela nun instrumento de integración facendo compatible a súa percepción co acceso a un posto de traballo”.
“Unha vez que o Goberno racha co seu propio argumento de que tiña que ser unha prestación única e común en toda España porque dependía da Seguridade Social e se lle recoñece ao País Vasco, Navarra e, posiblemente, Cataluña, non ten sentido que unhas comunidades a poidan desenvolver e outras non”, indicou Pedro Puy. Ademais, engadiu que “a convivencia dunha prestación previa, que ademais corresponde ás comunidades autónomas, debería levar ao Goberno central a reconsiderar a súa decisión e establecer un sistema de xestión para todas as comunidades autónomas”.
DISTRIBUCIÓN DO FONDO DE 16.000 MILLÓNS
Para rematar, o portavoz popular lamentou que a día de hoxe “seguimos sen coñecer exactamente como se van distribuír os 16.000 millóns de euros anunciados polo Goberno central de apoio ás comunidades autónomas”. Neste sentido, salientou que Europa aprobou a prestación de fondos incondicionados e préstamos para os países máis afectados polo coronavirus, pero “seguimos sen coñecer canto van recibir as comunidades autónomas, tendo en conta que vai vencellado a prestacións sanitarias e sociais, que son as que van ter un incremento de gasto por mor da pandemia.
“Hai un acordo vixente polo cal se distribúen os ingresos para o gasto sanitario e social a través do financiamento autonómico, e calquera modificación deste sistema deberíamos de analizala con sumo coidado, tendo en conta que algúns dos avances que se fixeron para o reparto non son beneficiosos para Galicia”, indicou.