Santiago, 21 de setembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe porque administracións e empresas colaboren para chegar a un acordo na adquisición da factoría de Alcoa por parte da empresa Liberty House.
Neste sentido, o PPdeG defenderá no Pleno desta semana unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno do Estado que os proxectos do plan industrial de Liberty House para as fábricas de Alcoa poidan optar ao Fondo Europeo de Recuperación, ao tempo que se fixe un prezo eléctrico competitivo, que pase pola aprobación dun estatuto para consumidores electrointensivos, o incremento das compensacións por custos indirectos de CO2 e un novo sistema de xestión da demanda que substitúa á poxa por interrumpibilidade.
▶️O @ppdegalicia defenderá mañá no Pleno o compromiso e apoio a Alcoa, conseguir que o plan industrial de Liberty poida optar ao Fondo Europeo de Recuperación e que o Estado dé un marco estable ás electrointensivas @PPdeLugo @ElenaCandiaLu pic.twitter.com/RGpx11LImD
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 21, 2020
Pedro Puy informou que na sesión plenaria de mañá procederase ao xuramento ou promesa dos novos deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo Gómez, Teresa Egerique Mosquera, Marta Rodríguez-Vispo Rodríguez e José Luís Ferro Iglesias; que veñen ocupar as vacantes que deixan Gonzalo Trenor, Marta Fernández Tapias, Gabriel Alén e Antonio Rodríguez Miranda.
Así mesmo, o Grupo Popular defenderá neste Pleno dúas proposicións non de lei “de máxima actualidade e sobre as que sería bo que o Parlamento acadara un acordo”. En primeiro lugar, Puy explicou que se solicita ao Goberno do Estado “a retirada da limitación das taxas de reposición do persoal sanitario público, permitindo ofertar todos os postos necesarios para poder actuar ante a pandemia da Covid-19”.
Lembrou que o Goberno galego “sempre chegou ao tope máximo autorizado para a reposición das prazas vacantes no Servizo Galego de Saúde, pero, diante da situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir, non chega con estas incorporacións”.
O portavoz popular engadiu que a retirada desta taxa de reposición “permitiría ao Goberno galego presentar unha oferta pública de emprego de máis de 3.500 prazas no ámbito sanitario, que permitiría cubrir as necesidades do Servizo Galego de Saúde especialmente naquelas categorías nas que hai unha maior necesidade, como medicina familiar ou pediatría; e reforzar as plantillas, sobre todo en hospitais comarcais e centros sanitarios illados, nun momento no que a epidemia da Covid-19 fai que estean especialmente esixidos”.
??Será bo que a Cámara acade acordos que permitan defender cuestións importantes, sinala Pedro Puy, como o que defenderá o @ppdegalicia no Pleno de mañá no @Par_Gal sobre a eliminación das taxas de reposición do persoal sanitario @EncarnaAmigoSER pic.twitter.com/TYxx6w54ed
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 21, 2020
PREZO ELÉCTRICO COMPETITIVO
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno de España fixe un prezo eléctrico competitivo, que pase pola aprobación dun estatuto para consumidores electrointensivos, o incremento das compensacións por custos indirectos de CO2 e un novo sistema de xestión da demanda que substitúa á poxa por interrumpibilidade.
Porén, Puy incidiu na situación que está a vivir a factoría de Alcoa en San Cibrao e as conversas que existen coa empresa Liberty House para a súa adquisición. Neste sentido, subliñou que “a Xunta xa expresou a súa máxima colaboración para colaborar e formar parte da solución definitiva, pero é preciso que as dúas empresas tamén poñan da súa parte para chegar a un acordo”.
Neste ámbito, esta proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno do Estado que os proxectos do plan industrial de Liberty para as fábricas de Alcoa poidan optar ao Fondo Europeo de Recuperación.