Santiago, 28 de setembro de 2020.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central a modificación da lexislación vixente para aplicar o tipo reducido do IVE do 10 por cento ou superrreducido do 4 por cento ás mascaras e aos hidroxeles desinfectantes. Tamén solicitará medidas de protección para o marraxo que non leven ao quebranto económico da frota galega.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana dará comezo coa comparecencia da Valedora do Pobo para dar conta do seu informe anual correspondente ao ano 2019.
A continuación, terá lugar a comparecencia dos conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, para informar do inicio do curso 2020-2021 no ensino e na universidade; e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para dar conta das liñas estratéxicas do seu departamento en materia de vivenda.
REBAIXA DO IVE
Por parte do Grupo Popular, incorporáronse á orde do día do Pleno dúas proposicións non de lei. Unha primeira, vai dirixida a solicitar ao Goberno central a modificación do artigo 91 da Lei 37/1992, do imposto sobre o valor engadido, de xeito que se inclúan as máscaras e os hidroxeles desinfectantes no listado de bens aos que se lles aplica o tipo reducido de IVE do 10 por cento ou superreducido do 4 por cento, equiparándoos a outros produtos farmacéuticos que tamén son imprescindibles.
?️?O @ppdegalicia defenderá no Pleno da próxima semana rebaixar o IVE das máscaras e os hidroxeles desinfectantes a un tipo reducido do 10% ou superreducido do 4%, como se leva solicitando desde Galicia por @FeijooGalicia desde a etapa de confinamento pic.twitter.com/ldnzsEVUlp
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 29, 2020
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular demanda ao Goberno central e á Comisión Europea unha análise das medidas de protección do marraxo que non leven ao quebranto económico da frota galega e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que se teñen adoptado en favor desta especie.
?️Tamén o @ppdegalicia defenderá demandas en relación co impacto para a frota pesqueira de Galicia dunha decisión da Comisión Europea que afecta a capacidade da flota palangreira de capturar o marraxo pic.twitter.com/bspd2W1WuG
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 29, 2020
PREGUNTAS
Dentro do apartado de preguntas, os deputados do Grupo Popular cuestionarán ao Goberno galego sobre a implantación do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na área de Vigo; sobre as medidas postas en marcha para garantir a sostibilidade do sector do transporte público por estrada para favorecer unha mobilidade segura; e sobre as iniciativas desenvolvidas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia para previr os riscos laborais derivados da pandemia da Covid-19.