Santiago, 21 de outubro de 2020.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que restableza todos os servizos de tren que foron suprimidos amparándose na pandemia provocada pola COVID-19, tanto no que ten que ver coas conexións interiores na propia Comunidade galega como coas conexións de Galicia con outras comunidades autónomas,
nomeadamente coas cidades de Barcelona e Madrid, ofrecendo servizos acordes ao incremento da demanda por parte dos usuarios. Así mesmo, solicítase un incremento do cadro de persoal de maquinistas e dote do persoal necesario aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.
Ademais, e logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, aprobouse solicitar ao Goberno central un plan extraordinario de investimentos para a modernización e mellora da rede ferroviaria galega que inclúa con carácter prioritario as seguintes liñas: Ourense-Lugo; Lugo Coruña-Ferrol ; Coruña-Ferrol; Ferrol-Ribadeo; Vigo-Ourense; e Vigo-Porto
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, fixo un repaso polas numerosas restricións que o Goberno de España está a facer cos servizos, frecuencias, investimentos e conexións do AVE con Galicia, tanto interiores como cara outras comunidades, “que podemos falar dunha auténtica agresión a Galicia”.
“A pandemia sanitaria non pode ser empregada como escusa para xustificar unha redución drástica de servizos e frecuencias ferroviarias que cercenan os dereitos de mobilidade dos galegos e que dificultan o acceso de moitos cidadáns ao lugar de traballo e ensino, e agravan a situación periférica de Galicia”, indicou.
SEN PREVISIÓN
Neste sentido, Fernández Prado considerou “preocupante que Galicia non dispoña de previsión algunha sobre o horizonte temporal no que se prevé a recuperación dos servizos suspendidos, e que afectan ao Eixo Atlántico, ás conexións interiores, especialmente entre Lugo e Ourense, ás conexións co País Vasco, Madrid e Barcelona, e á conexión con Portugal”.
O portavoz popular demandou ao Goberno central que “cumpra as obrigas de servizo público, xa que se trata dun servizo esencial e que garante o dereito á mobilidade dos galegos; que se repoñan os servizos ferroviarios anulados con motivo da declaración do estado de alarma e que continúan suspendidos tras o levantamento das restricións da mobilidade; e que se presten servizos de tren de calidade”. “En definitiva, que non se discrimine a Galicia desde o Goberno social-populista, co apoio do BNG, coa descompensación clara nos investimentos cara ao Mediterráneo fronte ao noroeste”, incidiu.
Fronte a esta actitude do Goberno central, Martín Fernández contrapuxo “o esforzo que está a facer o Goberno galego para manter os servizos de transporte por estrada en Galicia”. Así, subliñou que a Xunta optou por manter o servizo público e buscar despois a maneira de compensar ás empresas concesionarias pola redución de ingresos. “Así, pese á existencia dunha demanda inferior, os servizos de buses dentro da mesma provincia están restablecidos ao 100 por cento desde o pasado 1 de xullo e no caso dos servizos entre provincias, como mínimo ao 80 por cento”, concretou.