Santiago, 21 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que adopte cantas medidas sexa necesarias á maior brevidade posible, incluída a intervención pública temporal para a súa posterior venta a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable, para o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao.
Así mesmo, solicítase a aprobación de forma inmediata e sen máis dilacións dun estatuto do consumidor electrointensivo que realmente supoña unha solución para este sector da industria, ao garantir un prezo estable, predicible e asumible.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, iniciou a súa intervención “trasladando o apoio, solidariedade e compromiso do PPdeG cos traballadores de Alcoa e a Mariña lucense” e censurou “a mala fe coa que está actuando a empresa en todo o proceso negociador, deixando claro que a súa intención nunca foi permitir a venda senón dilatar prazos”. “O único que lle preocupa a Alcoa é non ter competidores e castigar aos traballadores e ás súas familias pola inacción do Goberno de Pedro Sánchez durante estes dous anos”, indicou.
Tellado amosou a súa satisfacción “porque chegamos ao acordo que propuxemos desde o Grupo Popular e que traslada unha imaxe de unidade de todos os partidos galegos na defensa do mantemento da factoría de Alcoa e dos postos de traballo”. “A nosa postura é que o Goberno central e a Xunta traballen xuntos para plantarlle cara á empresa, defender os postos de traballo, que non se paren as cubas e vender a unha empresa interesada en producir aluminio privado”, sinalou, para reiterar que “se non hai estatuto esa empresa estará abocara ao peche”.
COMPETENCIA DO GOBERNO CENTRAL
“Estamos a pedir ao Goberno de Pedro Sánchez o mesmo que solicitamos no seu momento aos gobernos de Mariano Rajoy ou Rodríguez Zapatero, coa diferenza de que estes últimos adoptaron as medidas necesarias para resolver a situación e o actual Goberno central fai oídos xordos”, lamentou.
Así mesmo, lembrou que “as competencias do prezo enerxético son exclusivas do Goberno de España” e criticou que o goberno socialista “aproveitou a pandemia sanitaria para atacar á industria galega, obrigando ao peche das centrais de Meirama e As Pontes ou deixando sen traballo os estaleiros da ría de Ferrol”. “A Xunta si actuou neste tempo e elaborou un borrador de estatuto das empresas electrointensivas, en coordinación coas comunidades de Asturias e Cantabria, que o Goberno central tirou directamente ao lixo”, dixo.
Para rematar, dirixiuse ao BNG e afirmou que “son corresponsables desta situación na que nos atopamos porque fixeron presidente a quen creou este problema”. Así, lembrou que “asinaron un gran acordo de país que quedou todo en papel mollado, porque non resolveu nada do que prevía arranxar, e o único que conseguiron é que o PSOE se rira do BNG”.