Santiago, 2 de novembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe comprender o malestar que pode xerar entre determinadas persoas ou colectivos as medidas adoptadas pola Xunta para evitar a expansión da Covid-19, pero salientou que o Goberno galego “está actuando con rapidez, o que non implica con improvisación, porque estas decisións son consecuencia dunha análise do Comité Clínico e das posibles alternativas para loitar contra a difusión do virus entre a cidadanía”. De cara ao Pleno da vindeira semana, Puy avanzou o debate de totalidade de dous proxectos de lei: o de ordenación do territorio de Galicia e o de pesca continental de Galicia.
Pedro Puy lembrou que as decisións que adopta a Xunta de Galicia en relación coa pandemia da Covid-19 son “consecuencia dunha reunión do Comité Clínico sobre as necesidades e a evolución do coronavirus”. “O feito de que se tomen decisións en base a criterios científicos e a evolución da pandemia non reflicten improvisación, senón defender a saúde dos galegos adaptando aquelas medidas que por recomendación dos técnicos se estiman oportunas en cada momento e lugar”, sinalou.
OS ALCALDES, A FAVOR DAS MEDIDAS
Respecto do peche perimetral das sete cidades galegas acordado o pasado venres, sinalou que “a oposición puido comprobar que todos os alcaldes defenderon e dixeron que apoiaban este tipo de medidas”. “A sociedade debe ser consciente da importancia do cumprimento das recomendacións e das normas, pero tamén de que estas situacións van ter que ser obrigadas ao longo dos vindeiros meses ata que teñamos unha vacina e a seguridade de que a vida normal é posible sen correr o risco de que haxa xente que se infecte”, apuntou.
Respecto do Pleno que se celebrará a vindeira semana, Pedro Puy avanzou que se procederá ao debate de totalidade de dous proxectos de lei, que decaeron como consecuencia da convocatoria electoral.
O primeiro deles é o proxecto de Lei de ordenación do territorio, a través do que se integra o procedemento ambiental e o de tramitación dos instrumentos de ordenación nun único procedemento, para facilitar a súa aplicación e evitar acudir a varias normas.
PLANIFICACIÓN MÁIS SEGURA
O portavoz popular explicou que unha das principais novidades desta nova norma é que os plans sectoriais serán figuras máis seguras, ao concretar e detallar o propósito de cada un e priorizar a planificación xeral, co fin de garantir que as actuacións cumpran obxectivos marcados para o conxunto de Galicia. Esta nova lei actualiza a norma vixente, a Lei 10/1995, e suma un novo fito ao traballo realizado polo Goberno galego nos últimos dez anos para modernizar e actualizar o corpo urbanístico da Comunidade galega.
Un segundo proxecto de lei que se debaterá na súa totalidade é o de pesca continental de Galicia, que aposta por impulsar a remuda xeracional e un modelo de pesca sostible capaz de xerar emprego e riqueza no rural. “Unha das novidades que recolle este texto é a creación das escolas de río que, xunto co fomento da formación e da educación nesta materia, será a medida de referencia para incentivar e implicar aos máis novos nesta modalidade deportiva”, explicou