Santiago, 10 de novembro de 2020.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe que o proxecto de orzamentos do Estado para 2021 “manteña a taxa de reposición para o persoal sanitario que a existente, a pesar das numerosas solicitudes realizadas, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Parlamento galego, para que se elimine e poidan ser ofertadas por cada comunidade todos os postos que as necesidades asistenciais están a demandar”.
Encarna Amigo reiterou que “estamos a favor de apoiar todas as iniciativas e accións institucionais que faciliten a posta en marcha da medida de eliminación da taxa de reposición” e lembrou que “hai anos que o Goberno galego e o PPdeG vimos solicitando esta medida”. En concreto, referiuse ás demandas realizadas persoalmente aos responsables do Goberno central por parte do Presidente da Xunta, do conselleiro de Facenda e do conselleiro de Sanidade, ademais de tres proposicións non de lei aprobadas no Parlamento galego solicitando a eliminación da taxa de reposición.
CONVOCATORIA DE TODAS AS PRAZAS MIR
Así mesmo, e logo dunha transacción realizada entre o Grupo Popular e os socialistas galegos, o Pleno do Parlamento aprobou por unanimidade demandar á Xunta que convoque todas as prazas MIR habilitadas para o sistema sanitario público de Galicia naquelas especialidades deficitarias en termos de persoal e instar ao Ministerio de Sanidade a que dea cumprimento aos acordos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do 28 de abril de 2018 relacionados coa axilización e flexibilización das acreditacións de unidades docentes, en particular nas especialidades que se teñen declarado maioritariamente deficitarias como Medicina de familia, Pediatría e as súas áreas específicas.
O Grupo Popular tamén apoiou que a Xunta avalíe coa Facultade de Medicina da USC a posible necesidade de formar máis estudantes de medicina nos vindeiros anos, coa dotación dos medios necesarios para facelo; que se amplíe o tempo medio de contratación de persoal eventual ata o máximo posible, especialmente no correspondente ás prazas de enfermería, para dotar de maior estabilidade ao persoal; que se realice un informe no prazo de un mes que avalíe a necesidade de contratar persoal ao abeiro de todas as modificacións normativas que se faciliten dende o Goberno de España para os recursos humanos do sistema sanitario, e incluír as propostas que dende Galicia se consideren de relevancia; e que se entregue un informe de contabilización do persoal do sistema público de
Galicia que contemple o número de profesionais estatutarios nos anos 2019 e 2020, e o volume de contratacións extraordinarias realizadas durante o ano 2019 e 2020, especificando a aplicación orzamentaria utilizada para facelas, e distribuídas por categoría profesional e EOXI.