Santiago, 10 de novembro de 2020.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se reclama ao Goberno central que habilite de maneira inmediata un fondo extraordinario para as entidades locais que garanta facer fronte ás necesidades derivadas da crise da Covid-19, ao tempo que flexibilice a disposición da totalidade dos remanentes de tesourería das entidades locais, de maneira que se poidan destinar a gastos non financeiros e a calquera investimento que redunde en beneficio da veciñanza.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou que “a Xunta e a Fegamp están a colaborar de modo permanente na defensa dos intereses municipais, unha colaboración institucional que goza de boa saúde, presidida polo diálogo en materia de financiamento local a través da Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro”.
FONDO INCONDICIONADO E GARANTIDO
Neste sentido, lembrou que o fondo de cooperación local “é incondicionado, xa que os concellos poden destinalo ao que queiran; e garantido, porque o seu importe non pode ser inferior en ningún exercicio ao que recibiu cada concello no 2010”.
Respecto das tarefas de limpeza dos centros de ensino, Paula Prado recordou que a única referencia normativa que regula a desinfección da COVID-19 como lexislación básica do Estado nos centros docentes é o Real Decreto-Lei 21/2020, de 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte a dita crise sanitaria, que no seu artigo 9, dedicado aos centros docentes di: “As administracións educativas deberán asegurar o cumprimento polos titulares dos centros docentes, públicos ou privados, que impartan as ensinanzas contempladas no artigo 3 da LO 2/2006, de 3 de maio de Educación, das normas de desinfección, prevención e acondicionamento dos citados centros que aquelas establezan”.
Deste xeito, subliñou que o Goberno galego “ten que asegurar que se cumpran as obrigas de desinfección nos centros polos seus titulares, isto é, os de titularidade autonómica pola Xunta, os de titularidade privada polo propietario, e os de titularidade municipal polo concello respectivo”.
REFORZO DA XUNTA
“A Consellería de Educación ten asumido o reforzo da limpeza máis estrita nos centros da súa titularidade, principalmente de secundaria e que supoñen aproximadamente a metade dos centros educativos en Galicia”, afirmou a viceportavoz popular, ao tempo que indicou que “no caso dos centros que son titularidade dos concellos serán as administracións locais as que asuman ese custe, tal e como establece a normativa”.
Ademais, a viceportavoz popular apuntou que a Xunta “ten asumido outros gastos impropios, como é o caso do ámbito social, no que se fai cargo do 75 por cento dos gastos da dependencia: 300 millóns de euros fronte a 100 millóns do Estado”.
“E para facer fronte á pandemia sanitaria, dos 17 millóns de euros que o Goberno do Estado trasladou á Xunta, 8,8 foron directamente aos concellos repartidos en base ás necesidades de cada un, dos que 2,8 millóns foron para proxectos municipais de atención a persoas vulnerables e 6 millóns para o servizo de axuda no fogar extraordinario”, indicou.