Santiago, 16 de novembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou hoxe que no Pleno da vindeira semana debateranse as emendas á totalidade dos proxectos de Lei de impulso demográfico e reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Se trata de dous textos lexislativos “relevantes e importantes para os próximos anos”, que xa estaban preparados para a súa tramitación lexislativa na pasada lexislatura e que, como consecuencia da celebración das eleccións, o Goberno galego retomou de novo nesta nova lexislatura.
Respecto da nova Lei de impulso demográfico, Pedro Puy salientou que chega ao Parlamento galego “logo dun longo e intenso proceso de debate coa sociedade civil iniciado hai case un ano, no que participaron os membros do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, do Consello Económico e Social e cidadáns e organizacións a título particular”.
PRINCIPAL RETO A MEDIO E LONGO PRAZO
“É un texto no que Galicia se xoga moito, xa que a medio e longo prazo os problemas demográficos son o principal reto que afrontamos como sociedade”, indicou o portavoz popular. Por este motivo, apuntou que “afrontamos a tramitación parlamentaria cunha man tendida para que os grupos da oposición poidan facer aportacións e que este texto constitúa, con independencia de quen goberne no futuro, unha guía para recuperar demograficamente a Galicia”.
Neste sentido, amosou a súa sorpresa porque os dous grupos da oposición presentaran emenda á totalidade a este texto lexislativo, que “dalgunha maneira significa que rexeitan a posibilidade de abordar os problemas demográficos recorrendo a un texto normativo”.
Puy lembrou que, a través desta nova lei, a Xunta destinará 800 millóns de euros anuais á dinamización demográfica, “coa finalidade de que todas as familias que desexen ter fillos en Galicia poidan telos e que non o desboten por obstáculos de tipo económico, de conciliación ou social”.
Esta nova lei ordena e dá coherencia tanto ás medidas de impulso demográfico que o Goberno galego xa está a poñer en práctica como aquelas que se introducirán nos vindeiros anos e que son consecuencia do proceso de participación da cidadanía e de organizacións públicas e privadas, como a universalización da educación infantil de 0 a 3 anos, para a que o Goberno galego deu o primeiro paso o pasado 1 de abril coa gratuidade para os segundos fillos e sucesivos; así como a prórroga dun ano da Tarxeta Benvida para as familias en situación de especial vulnerabilidade, algo que xa é realidade na actualidade.
VELLA ARELA DO PPDEG
En segundo lugar, o proxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia “pretende, dando cumprimento a unha vella arela do PPdeG desde hai décadas, facilitar a participación da Comunidade galega, a través do Estado, no deseño de políticas, pactos ou acordos internacionais que afectan directamente a ámbitos competenciais de Galicia”.
Así mesmo, o novo texto lexislativo pretende mellorar a atención aos galegos no exterior, consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e dotar a Galicia de maior protagonismo na cooperación para o desenvolvemento.
Pedro Puy engadiu que esta nova lei “chega logo dunha longa participación e debate, mesmo coa súa remisión ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, así como o Consello Galego de Acción Exterior, que emitiu informe favorable; e o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, que a aprobou por unanimidade”.
Entre os seus obxectivos estratéxicos destacan a diversificación dos mercados exteriores; a captación de capital mercantil e industrial para investimentos produtivos, así como de capital humano cualificado; favorecer o retorno dos emigrantes e os seus descendentes; e afondar na execución dos obxectivos da Axenda Global de Desenvolvemento das Nacións Unidas.