Santiago, 23 de novembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2021 permitirán “asentar as bases dunha Galicia que saia da pandemia con máis capacidade de producir e xerando emprego de maior calidade”. Neste sentido, apuntou que son “unha grande oportunidade para que se abandonen as críticas automáticas, porque son o resultado dun gran esforzo ao incorporar a marxe de endebedamento autorizado”.
Pedro Puy salientou que son “os maiores orzamentos da historia da Xunta de Galicia, que ascenden a 11.563 millóns de euros, cunha forte compoñente social, pero tamén centrados na capacidade de recuperación da economía galega”. En concreto, subliñou que “o 22 por cento destes orzamentos están dedicados a investimento: 2.592 millóns de euros, o que supón 900 millóns de euros máis que no pasado exercicio”.
“A diferenza dos orzamentos de España, as contas galegas están baseadas nunhas previsións macroeconomicas de crecemento razoables, recoñecido pola propia AIReF, que tamén ten dito que as contas do Estado están nun escenario moi optimista”, sinalou. Neste sentido, engadiu que, pese a esta previsión optimista do Goberno central nos seus orzamentos, “a transferencia a Galicia con cargo ao sistema de financiamento autonómico cae máis do 1 por cento”.
O portavoz popular tamén salientou a contención do gasto corrente, no que se recolle a suba do 0,9 para o persoal da Administración, e a incorporación de novo persoal a través da taxa de reposición.
3 DE CADA 4 EUROS PARA GASTO SOCIAL E EMPREGO
“Tres de cada catro euros dos orzamentos destínanse a gasto social e emprego”, destacou Puy. Así, 8,540 millóns de euros destinaranse a gasto social e emprego: 4.582 para sanidade, 2.631 para educación, 956 para políticas sociais e 371 para emprego.
Un dos aspectos salientables dos orzamentos para o vindeiro ano é o fondo de máis de 500 millóns para gastos extraordinarios que poida xerar a pandemia da Covid-19. Destes, máis da metade serán para sanidade pública, pero tamén hai previsión de gasto en educación, servizos sociais e unha reserva estratéxica para imprevistos que xurdan ao longo do ano relacionados co coronavirus.
Pedro Puy referiuse ao Fondo de Consenso, por importe de 115 millóns de euros, incorporado aos orzamentos da Xunta para 2021 para respaldar aqueles acordos que haxa tanto no diálogo social, como na Comisión de Reactivación do Parlamento e as propostas que poida facer o propio Comité de Expertos do Goberno galego. “É a primeira vez que hai esta posibilidade de definir máis aló das emendas o destino de gastos a través dos acordos que se fagan na Comisión de Reactivación, o que pon de manifesto a vontade clara de buscar acordos”, subliñou.
Ademais, explicou que todos os fondos europeos teñen un escenario de execución de dous ou tres anos, polo que esta é a cifra que se recollen no primeiro ano. “Polo tanto, calquera pacto da Comisión de Reactivación que implique un gasto plurianual ten con que empezar, pero tamén podería levarse aos orzamentos dos vindeiros exercicios”, engadiu. Pedro Puy considerou esta situación como “unha excelente oportunidade para pasar das críticas ás propostas positivas de emprego destes recursos”.
PREVISIÓN COHERENTE
Para rematar, o portavoz popular amosou a súa sorpresa “pola actitude do que a oposición está a dicir destas contas públicas”. “Non son unha repetición das contas de ningún ano, nin son continuístas, porque incorporan as previsións de entregas a conta do Estado, o máximo dos fondos que transmite o Estado e, ademais, aproveitan ao máximo a capacidade de endebedamento de Galicia, polo que é difícil de comprender que por parte dalgunha forza política tan implicada na defensa do Goberno do Estado se critiquen estes orzamentos pola súa falta de ambición”, sinalou.
Así mesmo, engadiu que “se se refiren á parte de impostos autonómicos, o que hai é unha previsión de evolución dos ingresos coherente cun cadro macroeconómico que a propia AIRef considera moito máis realista que os orzamentos do Estado”.