Santiago, 3 de decembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo amosou hoxe as súas dúbidas “en canto á forma de xestión da Deputación Provincial de A Coruña, ao existir unha falta de previsión e unha nula ou dubidosa eficiencia e eficacia que debe presidir á hora de levar a cabo o gasto público”.
Na comparecencia diante da Comisión 3ª do Parlamento galego do presidente da Deputación de A Coruña, Rubén Lorenzo manifestou que “a execución orzamentaria da Deputación de A Coruña é moi baixa” e a modo de exemplo indicou que “publicitan convocatorias de subvencións que na súa maioría quedan desertas e noutras a título enunciativo e non exhaustivo, como en deportes, utilizan os modificativos de crédito para incrementalas, xa que o importe inicial é insuficiente para atender as demandas dos solicitantes”.
Na súa intervención, criticou que a Deputación, “como entidade de apoio aos concellos, que son os que en última instancia atenden directamente aos veciños, debería de ter estado traballando desde o primeiro momento cóbado con cóbado coas entidades locais, que, en moitos casos, se vían desbordados pola situación ao non dispoñer de material de prevención para os seus traballadores porque non tiñan quen llo subministrara”.
O deputado popular lembrou a recente aprobación dos orzamentos da Deputación de A Coruña para 2021, logo de que o Grupo Popular solicitara a inclusión do incremento das partidas sociais, o compromiso de destinar unha parte importante dos remanentes ao gasto social e un aumento do crédito destinado ás vías e obras de ámbito provincial.
Así mesmo, Lorenzo solicitou ao presidente provincial que “faga os deberes e elabore, como así lle solicitou en tempo e forma o Grupo Popular, un verdadeiro plan de desenvolvemento turístico provincial, apostando por un produto turístico diferenciado e unha oferta de calidade que converta á provincia de A Coruña nun destino atractivo e competitivo”. “Con este plan se lograría estruturar e diversificar o produto turístico patrimonial e fomentar a oferta turística pública e privada de calidade”, engadiu.
“O bipartito provincial incrementa os orzamentos pero reduce as partidas destinadas á promoción económica en máis dun 25 por cento”, reprochou o deputado popular, quen tamén lamentou que “o Plan Único reduce a súa partida nun 20 por cento con respecto a 2020”.
Para rematar, Rubén Lorenzo avogou por “promover con eficacia mecanismos de coordinación entre as administracións públicas e xerar as sinerxias necesarias para atender da mellor maneira posible as necesidades dos cidadáns da provincia coruñesa”. “O actual goberno provincial está a abocar á Deputación a converterse nun mero órgano administrativo, nun órgano intermedio, e consideramos imprescindible que o organismo provincial teña acción e ambición política”, rematou.