Santiago, 15 de decembro de 2020.- O Grupo Popular incorporou á orde do día do Pleno da vindeira semana o debate de toma en consideración da proposición de lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, un novo texto lexislativo “fundamental para a recuperación económica e social de Galicia e que atende as demandas dos comparecentes na comisión de reactivación para eliminar trabas burocráticas para a realización de proxectos”.
Así mesmo, os deputados populares insistirán na demanda ao Goberno central a convocatoria de novas poxas de interrumpibilidade e completar a contía das compensacións por custes indirectos de CO2 do ano 2019 ata o máximo permitido; así como a inclusión nos orzamentos do Estado para o vindeiro ano dunha partida de alomenos 30 millóns de euros para o Xacobeo 2021.
A sesión plenaria da vindeira semana dará comezo cos elección dun conselleiro do Consello de Contas, a proposta do Grupo Socialista; e de tres membros do Consello Consultivo de Galicia, dous a proposta de Grupo Popular e outro do BNG.
A continuación, terá lugar o debate dos textos lexislativos. En concreto, procederase á aprobación dos proxectos de lei de pesca continental e de ordenación do territorio de Galicia, ademais da toma en consideración da proposición de lei rexistrada polo Grupo Popular de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Sobre esta proposición de lei, o portavoz popular, Pedro Puy, salientou que permitirá a implantación duns prazos asumibles para os proxectos, a gobernanza na xestión dos fondos de recuperación, o establecemento de beneficios fiscais, o procedemento integrado na tramitación de proxectos e a simplificación dos trámites para a súa realización.
?O Pleno do @Par_Gal debaterá a proposición de lei do @ppdegalicia de simplificación administrativa de Galicia;Galicia está actuando con máis celeridade e responsabilidade e esta lei é fundamental para a reactivación económica e a eliminación de trabas burocráticas indica Puy pic.twitter.com/CPYAN8HZEx
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 15, 2020
COMPARECENCIA DE EMPREGO E IGUALDADE
A sesión plenaria inclúe a comparecencia da conselleira de Emprego e Igualdade, a petición propia, para afrontar dos retos que afronta o seu departamento, especialmente afectados pola pandemia da Covid-19, así como dar conta das liñas xerais de actuación desta consellería.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular insistirá na necesidade de que o Goberno central aprobe o estatuto de consumidores electrointensivos, ao tempo que completa a contía das compensacións por custes directos de CO2 do ano 2019 ata o máximo permitido; convoca novas poxas de interrumpibilidade para o primeiro semestre de 2021 acordes ás capacidades das empresas electrointensivas; e exime dos cargos de financiamento das renovables e da coxeración ás industrias cun gran consumo enerxético.
?️Nos orzamentos do Estado non se apuran todas as posibilidades de apoio ás electrointensivas, polo que o @ppdegalicia defenderá no @Par_Gal aprobar un Estatuto de Consumidores Electrointensivas entre outras medidas de apoio a estas industrias pic.twitter.com/NK9nH34MpN
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 15, 2020
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España que inclúa nos orzamentos do Estado para o vindeiro ano unha partida dotada con alomenos 30 millóns de euros para a promoción do Xacobeo 2021 na Comunidade galega.
?Chama a atención que nos orzamentos do Estado non haxa ningunha previsión de apoio ao Ano Xacobeo 2021, polo que o @ppdegalicia defenderá no Pleno do @Par_Gal que se corrixa esa eiva e apoie a un sector que está sofrir de forma moi intensa o peche das actividades turísticas pic.twitter.com/0KmbiKJMrA
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 15, 2020
Pedro Puy lamentou “a falta de apoio e compromiso” do Goberno central a este evento, “polo que imos solicitar que corrixa os orzamentos porque, ademais da importancia intrínseca do Xacobeo, vén coincidir cos efectos da pandemia nun sector que está a sufrir de forma moi intensa as consecuencias do peche das actividades”.
Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre as peaxes que vai aplicar a partir do vindeiro 1 de xaneiro nas autopistas de competencia autonómica; sobre a súa valoración respecto da restitución ao patrimonio público do Pazo de Meirás e cal considera que debe ser o futuro uso do inmoble; e sobre os TAC e as cotas pesqueiras para 2021.