Contrapón a planificación da campaña de vacinación da Xunta coa descoordinación e falta de dilixencia por parte do Executivo do PSOE
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Galicia solicita máis vacinas contra a COVID-19 “porque todas as que manda o Goberno de España para unha semana poderíamos poñelas nunha soa mañá”.
Segundo indicou, nestes momentos estamos vacinando a un ritmo superior á chegada de doses polo que pediu ao Executivo central que respecte o esforzo dos traballadores da Sanidade galega e sexa dilixente cos envíos. “Entendemos que é una situación complexa que se puido agravar polo temporal pero tamén percibimos una gran descoordinación e unha falta de dilixencia alarmantes por parte do Executivo socialista”, precisou.
“Se o Goberno cumpre coa súa parte e envía as vacinas en tempo, teñan por seguro que os profesionais galegos encargaranse de que a vacinación siga avanzando a bo ritmo para poñer canto antes fin a esta pandemia”, insistiu.
Cómpre salientar que, a día de hoxe, os usuarios e o persoal das residencias de maiores xa se encontran vacinados nun 95% -chegando a máis de 33.000 persoas-, deu comezo a vacinación do persoal sanitario de primeira líña e, dentro dunhas semanas, comezará o resto do persoal sanitario e dos centros de día e do Servicio de Asistencia ao Fogar.
Así mesmo, nestes momentos xa se está deseñando e anticipando a loxística das seguintes fases. “Estamos satisfeitos coa boa marcha desta campaña, que se sustenta sobre o extraordinario traballo que está facendo o persoal do Sergas e das residencias, axudando a que a vacinación avance a moi bo ritmo; e grazas ao esforzo de anticipación da Xunta”, aseverou.
O ESFORZO DE TODAS AS ADMINISTRACIÓNS
O número dous dos populares galegos tamén falou da dureza que supoñen as novas restricións sanitarias pero manifestou que depende de cada un de nós que isto acabe pronto, xa que nos xogamos a saúde e o sustento de moitas familias que verán limitados os seus ingresos.
Por este motivo, destacou que, mentres duren as medidas, as administracións públicas teñen o deber e a responsabilidade de axudar aos profesionais afectados, algo que xa fixo e seguirá facendo o Goberno galego. Como recordou, en outono a Xunta despregou un plan de axudas directas á hostalería, que chegou a case 15.000 negocios de toda Galicia. Ademais, nas próximas semanas, volverase poñer en marcha un plan semellante para continuar apoiando a estes profesionais.
De igual modo, referiuse á necesidade de poñer en marcha un Fondo de rescate no que participen todas as administracións galegas seguindo o chamado Modelo Valencia, no que a Administración autonómica contribúe co 50%, as deputacións cun 30% e os concellos cun 20%. “Isto serviría para estender a protección aos profesionais mais afectados pola pandemia porque este virus non entende de cores políticas”, engadiu.
Por todo isto, fixo un chamamento á colaboración de todas as administracións galegas “porque só co esforzo de todos poderemos minimizar o impacto económico da pandemia e iniciar canto antes a recuperación”. Sen embargo, Tellado teme que nesta responsabilidade estean sós, “pois no ámbito do apoio á hostalería ao Goberno de Pedro Sánchez nin está nin se lle espera”.
USO PARTIDISTA DOS RECURSOS
Por outra banda, o secretario xeral resaltou que, mentres o PPdeG centra todos os seus esforzos en combater esta pandemia e axudar aos sectores máis afectados, o resto de formacións dedícanse a facer demagoxia.
Nese senso, referiuse á xuntanza desta semana entre Javier Losada e Gonzalo Caballero na que se dedicaron a, como sempre, defender a Sánchez sen unha mínima autocrítica -incluso sacando peito dos peores orzamentos para Galicia dos últimos 15 anos- e mesmo reivindicando unha bonificación da AP9 que, lonxe de producirse, encareceu os seus peaxes.
“Pero o peor deste encontro non foi o contido senón as formas”, aclarou apuntando que non é apropiado utilizar o paraugas do Goberno que pagamos todos os españois para sacar nos medios a Gonzalo Caballero, que volve imitar o peor de Sánchez facendo, coma el, un uso partidista e político dos recursos do Estado. “Resulta lamentable ver esa metamorfose: o delegado do Goberno quere ser o secretario xeral dos socialistas galegos e o secretario xeral dos socialistas galegos exerce todos os días como delegado de Sánchez na Comunidade”, expresou.
Do mesmo xeito, afeou que o BNG continúe instalado na permanente contradición, pedindo pola mañá máis restricións e criticando pola tarde a súa dureza, polo que pediu á Ana Pontón seriedade e responsabilidade ante esta difícil situación sanitaria e económica.