Santiago, 18 de febreiro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez explicou hoxe no Parlamento que “o plan de recuperación de actividades marítimas que agora piden desde o PSdeG chámase Avantemar e a Xunta púxoo en vigor o pasado mes de xuño e dotouno con 77 millóns de euros”.
Deste xeito, o Grupo Popular apoiou a aprobación da proposición non de lei, transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se demanda continuar desenvolvendo este plan de apoio ao sector marítimo-pesqueiro galego, así como desenvolver un plan de recuperación específico para a pesca artesanal e o marisqueo dirixido aos armadores artesanais, aos seus tripulantes, mariscadoras a pé ou percebeiros que amosen interese en continuar coa súa actividade extractiva.
Elena Suárez afirmou que o plan Avantemar inclúe 22 medidas que conlevan a inxección directa ou posta a disposición do sector de 77 millóns de euros, dos que unha parte importante articuláronse a través de ordes de axudas para entidades xestoras de lonxas, redeiras e persoas mariscadoras a pe que cesaran a súa actividade, así como buques de pesca que seguisen traballando e que visen reflectida esa actividade en perdas.
“A Consellería do Mar estivo e seguirá estando a carón do sector buscando solucións aos impedimentos que ían xurdindo, foran ou non da súa competencia, e artellando fórmulas de apoio”, manifestou a deputada popular. En concreto, lembrou que desde a Xunta xa se puxeron en marcha axudas para atención á disposición de liquidez do sector; axudas directas para lonxas, frota ou redeiras; e axudas con achega do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o marisqueo a pe, as empresas de transformación, empresas de acuicultura e organizacións de produtores pesqueiros e acuícolas.
NEGATIVAS DO GOBERNO CENTRAL
Máis recentemente, a Consellería do Mar convocou a principios deste mes axudas por importe de 2,3 millóns de euros distribuídas en tres liñas: unha destinada a proxectos colectivos para conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños; unha segunda, para proxectos de rexeneración que permitan a mellora da produtividade; e a terceira para a recollida de residuos mariños.
Diante desta actuación do Goberno galego, Elena Suárez criticou a actuación do Goberno central desde o comezo da pandemia sanitaria. Así, lamentou “a negativa a estudar o peche da actividade en algunhas actividades extractivas, coñecendo a dificultade na comercialización do produto; a negativa a proveer de test ás embarcacións; a negativa á realización dun protocolo específico de actuación ante a presenza de coronarivus a bordo dos barcos pesqueiros; a minoración na atención presencial por parte do Instituto Social da Mariña; a desalentadora defensa dos intereses da frota galega nas negociacións do Brexit; ou, por último, o cobro da totalidade da cota de autónomos do mar aos profesionais, incluído o incremento de entre un 25 e un 30 por cento aprobado polo Goberno de España”.