Santiago, 25 de febreiro de 2021- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular encamiñada a mellorar a oferta formativa do Sistema Universitario de Galicia (SUG) co obxectivo de poder dar resposta ás novas necesidades da sociedade e do mercado laboral.
Con este obxectivo, o portavoz de Educación Ovidio Rodeiro, defendeu a iniciativa que insta á Xunta, en coordinación coas universidades, a afrontar o desenvolvemento e a implantación de novas titulacións axustadas en criterios como a especialización do campus, o carácter interuniversitario, internacional ou dual, a incorporación de metodoloxías educativas innovadoras, a orientación práctica e aplicada dos estudos e a existencia de recursos materiais e humanos necesarios para impartir a carreira.
Ovidio Rodeiro sinalou que o Goberno galego leva anos traballando coas universidades na modernización e racionalización da oferta das titulacións, engadindo que é preciso que o sistema universitario galego continúe introducindo novos graos axustado a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da vindeira década. O obxectivo, segundo o portavoz popular, “é conseguir que a universidade sexa unha panca de cambio da Galicia internacional, con máis empregabilidade e máis colaborativa e nese proceso a Xunta aposta polo diálogo e cooperación que é o mesmo camiño que permitíu pechar un plan de financiamento coas universidades coa cifra máis alta da historia en transferencias directas por parte do Goberno galego”.
Nesta liña, sinalou o deputado popular, afrontouse a definición do mapa de titulacións do SUG, que responde ao Acordo sobre os principios reitores da planificación da oferta académica, asinado pola Consellería e os tres reitores no ano 2017, e que permitiu a aprobación de novos graos “ e para seguir avanzando neste proceso, afrontouse en colaboración con FEUGA a análise e definición dos perfís profesionais de futuro, coa participación de expertos nunha primeira fase para elaborar un catálogo de perfís profesionais”.
Froito de todo ese estudo elaborouse unha proposta de novas titulacións para Galicia, con 15 novas titulacións de máster que foi o proxecto “Galicia 2030” e que supón un punto de inflexión para o sistema universitario galego co obxectivo de poder dar resposta ás novas necesidades da sociedade e do mercado laboral.
“Cremos que algúns criterios para o desenvolvemento de novas titulacións teñen que ver con cuestións como a especialización dos campus e coa incorporación de metodoloxías educativas innovadoras” indicou Ovidio Rodeiro, de ahí a iniciativa que presentamos co obxectivo de achegar estes criterios e escoitar aos partidos da Comisión para facilitar unha maior obxectividade que contribúa a orientar as novas titulacións mellorando a competitividade e a nova oferta formativa.
PLAN ENSINO VIRTUAL
Ovidio Rodeiro defendeu na sesión da Comisión de Educación do Parlamento que a Xunta leva anos promovendo o ensino dixial e no curso 2020-21 adoptou unha serie de decisións para axudar a paliar as interferencias da Covid nos centros escolares, contando co asesoramento do Comité Educativo. Así sinalou que Galicia conta cun Plan de ensino virtual ante a covid-19 para dar resposta áxil e axeitada no caso de peches ou corentanas nas aulas e un Plan de continxencia para educación non presencial e semipresencial.
Tamén destacou que no marco do ensino virtual Galicia conta con equipos de Atención virtual e Absentismo para reforzar e complementar a atención domiciliaria para alumnos que teñen familiares vulnerables convivintes ou padecen unha determinada patoloxía.