O presidente afirma que a igualdade é un desafío de todos e manifesta que seguirán traballando por todas as mulleres da nosa Comunidade
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientou no acto que os populares celebraron polo Día da Muller que o seu partido leva décadas liderando a loita pola igualdade real e efectiva desde as institucións.
Segundo recordou, os populares puxeron en marcha hai case 30 anos o primeiro Plan de Igualdade da historia da Autonomía, aprobaron en 2004 a primeira Lei de Igualdade, impulsaron a igualdade como un feito transversal á súa acción de Goberno. Ademais, resaltou a posta en marcha do Consello Galego das Mulleres, a Comisión Asesora para a Publicidade non sexista, os programas de Muller e Ciencia, as axudas para o asociacionismo feminino e as emprendedoras, os Plans de Igualdade no ámbito da Educación e a Administración ou o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021, co que se executaron en catro anos máis de 800 millóns de euros.
O líder do PPdeG tamén puxo en valor a creación da Consellería de Emprego e Igualdade, conscientes de que ambas áreas debían ir da man. Nese senso, incidiu en que non pode haber igualdade se non hai independencia económica, e non pode haber independencia económica se non hai emprego.
UNHAS MANIFESTACIÓNS PRUDENTES
Como sinalou, a pandemia mudouno todo salvo que son as mulleres as que sofren máis os efectos das crises. Por iso, apuntou que hoxe as reivindicacións dunha igualdade real entre homes e mulleres son máis necesarias que nunca pero deben ser prudentes, cumprindo as medidas sanitarias e cun comportamento cívico, todo o contrario do que se viu noutras concentracións que alentan algúns partidos políticos.
Así mesmo, indicou que as persoas que queiran saír á rúa este ano si estarán informadas, a diferenza do que ocorreu en 2020, cando o Goberno de España pediu participacións masivas atendendo a criterios puramente políticos mentres outros países da nosa contorna xa tiñan zonas confinadas.
SEGUIR APOSTANDO POLA IGUALDADE
Durante a súa intervención, o presidente lamentou o fraco favor que lle fixeron os partidos que conforman o Executivo central e os seus socios no último ano á igualdade, empregando o feminismo para darse codazos e ver quen podía sacar máis rédito político; querendo dar leccións e dicindo que, se non es de esquerdas, non podes ser feminista; e facendo que o Ministerio de Igualdade fose noticia polos escándalos e polas liortas internas. Por iso, manifestou que, fronte aos que apostan por enfrontar ás mulleres e fronte aos que pensan que estas reivindicacións non son cousa deles, os populares sempre defenderán sumar e integrar xa que a igualdade é un desafío de todos.
Do mesmo xeito, subliñou que o PPdeG seguirá traballando por unha igualdade que sexa encontro e non trincheira, por unha Galicia na que a expresión “teitos de cristal” sexa parte do pasado, por achegar a igualdade a todos os eidos da vida, para que a conciliación e a corresponsabilidade avancen e sigan indo da man, por un emprego de calidade, e para que as mulleres non teñan que escoller entre as súas carreiras profesionais e o seus proxectos vitais. “Seguiremos traballando por todas as mulleres de Galicia”, engadiu.
UN 8-M PARA EMILIA PARDO BAZÁN
Feijóo non quixo rematar o seu discurso sen reivindicar a figura de Emilia Pardo Bazán. Neste sentido, amosouse moi orgulloso de querer converter o Pazo de Meirás nun lugar de encontro e punto de referencia do feminismo en Galicia, en España e Europa.
Sobre isto, asegurou que se equivocan os que pretenden obstaculizalo, os que queren impoñer visións partidistas e ideolóxicas ao seu uso e os que menosprezan o papel das figuras que marcaron o camiño da igualdade e do feminismo.