Santiago, 5 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, que foi transaccionada entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se demanda á Administración Xeral do Estado que se interpoñan as accións xudiciais pertinentes para defender a titularidade pública dos bens mobles que deben formar parte do ben de interese cultural Torres de Meirás, que son necesarios para explicar a súa historia, que son parte integrante e inseparable do conxunto, e que son de titularidade ou de dominio público. Así mesmo, solicítase que a Xunta actúe como parte coadxuvante nos procedementos xudiciais que se interpoñan pola Administración do Estado.
A proposición non de lei incorpora, ademais, que Xunta e Administración do Estado traballen conxuntamente na adopción de todas as medidas previstas na lexislación, incluíndo cautelares e urxentes, para garantir a unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás e para impedir un novo saqueo de bens que foron resultado do espolio franquista. Neste sentido, advertirase á familia Franco da imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non sexan os obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado.
Por último, se insta á Xunta a defender a incoación de maneira urxente, pola administración que corresponda, do procedemento para a inclusión no BIC Torres de Meirás dos bens mobles que pola súa vinculación co inmoble forman parte inseparable del, e aplicación provisional a estes bens mobles do réxime de protección previsto para os bens de interese cultural; así como levar a cabo as accións pertinentes para que os bens cunha declaración específica de BIC, como as Estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca de Emilia Pardo, se manteñan en Galicia, en resposta ao sentir xeneralizado da sociedade galega.
ÉXITO INCONTESTABLE
O deputado popular Alberto Pazos subliñou que a sentenza sobre a reivindicación da titularidade pública do Pazo de Meirás “é un éxito incontestable de todas as institucións públicas que participaron no procedemento, das persoas e asociacións que durante anos pularon para que este feito histórico se fixera realidade e do Estado de Dereito, que amosou que é posible reverter as inxustizas do pasado a través da legalidade nacida do proceso de transición democrática”.
Neste sentido, Pazos indicou que a Xunta “está a analizar o auto da Audiencia Provincial de A Coruña para seguir tomando as medidas máis axeitadas para defender os intereses e o patrimonio dos galegos”, e apuntou ademais que “segue a disposición da Avogacía do Estado e do Goberno de España para colaborar en cantas accións se consideren pertinentes en relación á recuperación do Pazo de Meirás e da protección dos bens mobles inherentes á súa condición de BIC”.
“A intención do Goberno galego é que estes bens permanezan en Meirás”, afirmou Alberto Pazos, quen apuntou que a Xunta “xa manifestou que será necesario esgotar o prazo de tres meses para resolver a solicitude de autorización da familia Franco, para solicitar informes da Real Academia Galega, do Consello da Cultura, da Real Academia de Belas Artes e doutros expertos na materia”.
Porén, lembrou que “o Pazo de Meirás é de titularidade estatal, toda vez que aínda non se atendeu a petición realizada polo Parlamento galego e pola Xunta para que se ceda a súa xestión a Galicia”. “A Xunta fará o que estea na súa man para protexer o patrimonio galego, pero o titular do inmoble, que está tomando decisións unilaterais sobre o mesmo, debe asumir responsabilidades en primeira persoa”, incidiu.