Santiago, 8 de xuño de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, concretou hoxe no Pleno do Parlamento que “68 concellos de Galicia están afectados polos 35 megaparques eólicos que o Goberno central insiste en tramitar e avaliar fora das áreas delimitadas polo Plan Eólico Galego, que foron informados negativamente pola Xunta por incumprir o planeamento”.
?️”Esta é a foto que non lle queren ensinar ás galegas e os galegos”, 68 concellos, 1 de cada 5 concellos de Galicia afectados por megaparques situados fóra das áreas do plan sectorial eólico galego, fóra da norma, que se van a tramitar polo Estado @MartaNovoaMarta pic.twitter.com/itbOoBoAD9
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 8, 2021
“O marco legal actual é extraordinariamente garantista en Galicia, polo que ningún proxecto pode saír adiante sen os informes favorables de todos os órganos afectados”, asegurou.
Marta Nóvoa subliñou que a Lei de reactivación económica de Galicia “impide implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico, a excepción de proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, e posúan unha función vertebradora do territorio”.
COMPATIBILIZAR A ACTIVIDADE
Neste sentido, apuntou que “o noso modelo permite que calquera promotor, con independencia do seu tamaño, poida desenvolver un parque eólico en Galicia garantindo todas as medidas de protección ambiental e compatibilizando o desenvolvemento da enerxía eólica coas actividades no sector primario e rural”.
“Somos conscientes dos valores naturais a protexer en Galicia e desde sempre temos un gran respecto pola súa conservación. De feito, todos os lugares de importancia comunitaria da Rede Natura son espazos protexidos, do mesmo xeito que todos os proxectos eólicos levan unha avaliación ambiental ordinaria que se rexe pola lexislación estatal”, manifestou.
A portavoz popular criticou que tanto BNG como PSdeG “acusen de falta de rigor a toda a función pública que tramita os proxectos eólicos, unha auténtica falta de respecto cara aos servidores públicos, que cando lles convén defenden e cando non atacan”.
RETORNO ECONÓMICO
Para rematar, Marta Nóvoa referiuse ao retorno económico á cidadanía que producen os parques eólicos. Así, concretou que, “ademais dos postos de traballo que xera, de xeito directo e indirecto, este sector paga impostos e rendas polos terreos, achegando máis de 580 millóns de euros ao PIB galego”.
Ademais, salientou que Galicia, xunto con Castela e León, e Castela-A Mancha, é a única comunidade cun canon eólico que repercute nos concellos onde están instalados os parques. “Desde a súa entrada en vigor, en Galicia se recadaron máis de 250 millóns de euros de canon eólico, que se destina aos concellos afectados a través do fondo de compensación ambiental”, manifestou.