Santiago, 8 de xuño de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marisol Díaz Mouteira demandou hoxe ao BNG que “abandone o seu discurso catastrofista” sobre o medio ambiente e asegurou que a Xunta “vai seguir firme na defensa dos seus espazos naturais e dun desenvolvemento eólico con moito sentidiño”.
?️A @Xunta vai seguir na defensa dos espazos naturais e un desenvolvemento eólico con sentidiño no que Galicia ven a ser unha referencia estatal, cun gran potencial para ser un referente enerxético verde e de patrimonio natural @DiazMouteira pic.twitter.com/QsUep1BTFB
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 8, 2021
Neste sentido, apuntou que “o Goberno galego ten un compromiso inquebrantable coa protección, coa conservación e coa mellora do medio ambiente e do noso patrimonio natural, sen distincións e sen filtros partidistas ou partidarios”.
Marisol Díaz criticou que o BNG permaneza “agochado nese vello discurso alarmista sobre o medio ambiente que distorsiona a realidade, pero que xa non engana a ninguén” e incidiu no “compromiso inquebrantable do PPdeG co noso medio natural e un desenvolvemento garantista e ordenado do sector eólico en Galicia”.
PRIORIDADE Á PROTECCIÓN AMBIENTAL
Na súa intervención, a deputada popular lembrou que a Lei 5/2019 de patrimonio natural “outorga prioridade á protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística, establecendo a precaución nas intervencións que poidan afectar ao patrimonio natural e á biodiversidade en Galicia”.
“O Goberno galego está a facer compatible a actividade económica coa preservación do medio ambiente, e por iso non hai ningún parque eólico previsto en ecosistemas protexidos, ao tempo que a Xunta non puxo en funcionamento ningún novo parque eólico en espazos da Rede Natura desde 2009”, asegurou.
MÁXIMAS GARANTÍAS
Díaz Mouteira apuntou que a Xunta “avoga polo desenvolvemento ordenado da enerxía eólica, sempre coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais, malia que o Goberno de Pedro Sánchez so procure xerar caos cunha normativa que provoca un efecto chamada para que se levanten en Galicia parques eólicos mesmo onde a lexislación non os permite”.
Para rematar, a deputada popular subliñou que “Galicia ten un gran potencial para ser un referente enerxético verde e de patrimonio natural, porque temos uns recursos naturais privilexiados; temos experiencia no seu aproveitamento e proxectos solventes para optar a financiamento europeo; contamos cun goberno responsable que garante o respecto ao medio ambiente e ás demais actividades económicas; se segue a traballar na avaliación de espazos para a determinación de posibles ampliacións da Rede Natura; e hai un incremento orzamentario para cumprir co compromiso de protección do patrimonio natural de Galicia”.