Salienta que, nos últimos once meses, o desemprego baixou en Galicia nun 19,43%, unha caída que supera á do Estado en 1,29 puntos
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que que o noso mercado laboral continúe coa súa recuperación -como acreditan os datos do paro de novembro- “sérvenos de impulso para seguir xerando máis e mellor emprego, pero sen deixar a ninguén atrás”.
Segundo apuntou, as cifras do pasado mes amosan que o paro baixa, aumentan as afiliacións e crece a contratación indefinida na evolución anual e mensual. Así mesmo, nos últimos once meses, o desemprego baixou en Galicia nun 19,43%, unha caída que supera á do Estado en 1,29 puntos de vantaxe.
Igualmente, o número dous dos populares galegos celebrou que os datos do paro continúen a niveis precovid, destacando tamén que é a primeira vez de toda a serie histórica que na Comunidade baixa o desemprego en novembro na evolución mensual. Ademais, en comparación co mesmo mes de 2020, o descenso é o maior desde 1996 e supera ao conxunto do Estado en 1,16 puntos.
“Agardamos que as decisións do Goberno de Pedro Sánchez en materia industrial non leven ao traste estes datos e o desemprego se dispare por situacións como as que provocou en empresas como Alcoa ou Ence, das que dependen milleiros de traballadores e familias”, aclarou.
NON HAI QUE CONFORMARSE
“É unha gran noticia que a recuperación do mercado de traballo sexa unha realidade tras os peores meses da pandemia, pero non é tempo de descansar ou de conformarse, senón que é momento de avaliar os novos nichos de mercado e aproveitar as novas oportunidades laborais que están xurdindo derivadas da crise sanitaria e da transformación dixital”, manifestou o secretario xeral.
Nese senso, resaltou que o principal reto do Goberno galego no eido laboral na actualidade é axustar a oferta e a demanda de emprego a través da formación, adiantándose así ás necesidades de futuro. “Queremos que a Comunidade continúe creando postos de traballo e incentivar a contratación entre as persoas que máis o necesitan”, engadiu.
Tellado sinalou que, para lograr estes obxectivos é fundamental apoiar aos traballadores no seu camiño formativo orientándoos cara aos perfís que se están requirindo, algo para o que a Xunta está configurando e ultimando a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que permitirá deseñar a nova oferta formativa que Galicia necesita da man dos principais axentes e interlocutores sociais e económicos; e o estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do mercado laboral, que posibilitará facer fronte aos traballos do futuro detectando as demandas actuais.
Do mesmo modo, subliñou a importancia de apoiar tamén aos galegos con máis dificultades á hora de atopar un emprego para acadar un mercado de traballo en igualdade. Sobre isto puxo en valor a aposta por plans específicos para estes colectivos como os que se porán en marcha o vindeiro ano: o plan Emprega Muller, dotado con 33,4 millóns de euros; o plan Emprega Xuventude, que conta cun total de 51,8 millóns de euros; e o plan Emprega discapacidade- exclusión social, para o que se destinan 46 millóns de euros.