Santiago, 7 de decembro de 2021- A Comisión 3ª do Parlamento comezou hoxe os traballos para a elaboración do ditame do proxecto de lei de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, co debate do articulado e as seccións de Presidencia, Vicepresidencias primeira e segunda e Consellería de Facenda. Ao respecto das emendas ao Articulado, as emendas do Grupo Popular foron aprobadas sen ningún voto en contra da oposición.
Así foi aprobada por unanimidade a emenda referida a creación dunha nova liña de axudas para os mozos e mozas menores de 35 anos que adquiran a súa vivenda habitual, facilitando a concesión dun aval ou seguro de crédito hipotecario, que cubra o 15% do prezo.
Outra emenda do Grupo Popular, aprobada coa abstención da oposición, foi a referida ao mecanismo de garantía de investimentos públicos, que permite recuperar nas seguintes anualidades as partidas non executadas do Fondo de Continxencia.
O Grupo Popular apoiou no debate do Articulado unha emenda do BNG e transaccionou dúas co PSdeG-PSOE referidas a trámites administrativos dos orzamentos e a solo industrial e persoal do sergas, respectivamente.
No debate de gastos das seccións de hoxe tamén foron aprobadas a emenda do Grupo Popular referida ao incremento do importe total do orzamento necesario para a adquisición dos vehículos eléctricos por parte da Xunta e dúas emendas técnicas, referidas todas elas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, sinalou no transcurso do debate que “intentamos chegar a acordos pero o 90% das emendas da oposición son idénticas ás do ano pasado, polo que ao igual que en exercicios anteriores son difíciles de aceptar”.
Indicou que, ao respecto do PSdeG, “rexeitamos as emendas nalgúns casos porque son ilóxicas, dificultan a xestión ou son pouco operativas dificultando a xestión ou porque son contraproducentes ou mesmo contrarias á lexislación básica”.
Ao respecto do BNG indicou que chama a atención que moitas delas son referidas a subas salariais por riba do 2% previsto na lei de orzamentos, xa que piden o 3% ou as contradicións de recoñecer pagos a educación concertada e pedir que se supriman os acordos polo que se establece o incremento de pagas igual aos da educación pública.
Pedro Puy sinalou que nestes debates hai un pouco de todo, cuestións políticas, técnicas, xurídicas e de política-económica ao que podemos engadir como vimos no debate unha “dinámica simbólica”. Sinalou que os deputados da oposición falaron do que querían facer pero non dixeron nada de donde sacar os cartos para facelo.
Ao respecto do persoal de gabinete, Pedro Puy indicou o “sinsentido de da oposición de pedir informes e suprimir o persoal encargado de facelos” e recordou que o último informe do Consello de Contas de Galicia indicou que este “ten acadado no exercicio 2019 o nivel do 2009 que é dun 22% menos que no 2008, pasando dun gasto de 7,98M€ no 2008 a 6,22M€ no 2019, e no ano 2008 había 236 persoas de gabinete, pasando a 179 no 2019”