Santiago 3 de xaneiro de 2022- A vicevoceira popular Paula Prado presentou hoxe en rolda de prensa sendas iniciativas parlamentarias encamiñadas por unha banda a extensión das desgravacións fiscais polo Xacobeo ata o 31 de decembro de 2023 por parte do Goberno do Estado e a demanda dun compromiso claro por parte de este e de Alcoa que garanta a reactivación da planta de San Cibrao canto antes.
“Iniciativas importantes cara a recuperación económica, por unha banda para aproveitar a ampliación do Xacobeo como importante motor económico e reactivar a industria das comarcas que o están pasando mal, axudando a súa economía e emprego, como é o caso de Alcoa na Mariña lucense” indicou Paula Prado.
O Grupo Popular continúa a traballar rexistrando iniciativas, e mesmo o Parlamento habilitou a partir do día 10 a celebración da Comisión de Financiamento Autonómico, segundo indicou Paula Prado, e unha das primeiras refírese a solicitar ao Goberno de España que atenda a vontade manifestada tanto polo Parlamento de Galicia como polo Congreso dos Deputados e ampliando o programa de apoio ao Xacobeo mediante a extensión das desgravacións fiscais ata o 31 de decembro de 2023.
“Seguiremos insistindo neste obxectivo que xa foi aprobado na Comisión de Industria do Parlamento de Galicia o pasado mes de marzo, coa abstención do PSdeG-PSOE, e en setembro na Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados, esta vez co voto favorable do PSOE” indicou a vicevoceira popular.
A deputada popular lembrou que despois da prolongación do Ano Santo Xacobeo ao 2022, é preciso que este se mostre como un poderoso motor de recuperación para que Galicia aproveite os recursos de cada lugar para achegar riqueza a todo o territorio, “impulsando a cohesión e primando a sustentabilidade, a excelencia e a calidade factores que xa veñen caracterizando ao turismo galego dos últimos anos”.
Nese sentido, sinalou que o respaldo deste Xacobeo ampliado para afrontar a recuperación da pandemia “non vai acompañado dun compromiso firme por parte do Goberno central e o seu apoio, no só pola escaseza de investimentos senón pola negativa a extensión das desgravacións fiscais como agora solicitamos”.
COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL E ALCOA PARA REACTIVAR PLANTA SAN CIBRAO
“Lamentamos que no novo ano continúen a darse os mesmos problemas e atrancos para a recuperación así entendemos que a paralización da produción de aluminio primario na planta de Alcoa San Cibrao durante dous anos non é boa noticia para a Mariña de Lugo e evidencia as consecuencias dunha política enerxética do Goberno de España totalmente equivocada, que está xerando o desmantelamento de tecido industrial e empresarial” sinalou Paula Prado.
A deputada popular sinalou a importancia de que o Goberno de España e Alcoa se impliquen realmente para reactivar as cubas canto antes, “se é en 2022 mellor que en 2024”, adoptando as medidas necesarias para poder contar cun prezo eléctrico competitivo e levar a cabo os investimentos comprometidos para reactivar a única planta en España que produce aluminio primario.
Nese sentido indicou que a iniciativa popular demanda un compromiso claro por parte do Goberno de España e de Alcoa que garanta a reactivación da planta de San Cibrao canto antes, así como a participación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en todas as reunións da comisión de seguimento constituída e seguir traballando co mesmo espírito construtivo ao lado dos traballadores e achegando os apoios necesarios.
Así mesmo, na iniciativa popular se insta a adoptar as medidas oportunas para considerar como iniciativas empresariais prioritarias os proxectos regulados na Lei 8/2009 , de 22 de decembro, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo, garantindo polo menos o 50% do consumo de enerxía, cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma galega, vinculando estes proxectos ao centro de traballo determinado do que se trate.