Sinala que os populares non se poden conformar coa submisión do BNG, que fai moito ruído pero segue apoiando e pactando cos socialistas
O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que “a realidade, por moi incómoda que lle resulte a quen resulte, é que Alcoa non se foi da Mariña ou de Galicia, vaise de España”, incidindo en que a política ten que servir para captar investimentos, non para que as industrias fuxan de países por culpa da mala planificación, como tamén ocorreu con Vestas.
Durante o seu discurso na clausura do Congreso do PP de Burela, lamentou que o PSdeG aceptase o apagado as cubas de Alcoa mentres o BNG seguiu apoiando fielmente ao Goberno de Pedro Sánchez, que traballou incansablemente para pechar a factoría de aluminio de San Cibrao. Fronte a estes partidos, destacou que o PP foi o único que defendeu aos traballadores da comarca na procura de solucións a un problema que crearon outros.
Deste modo, reivindicou que a súa formación estivo sempre ao carón dos veciños da Mariña dicíndolles a verdade por dura que fose, ao tempo que lembraba que, desde finais de 2018, advertiron das consecuencias da política enerxética irresponsable do Executivo central. De feito, propuxeron un estatuto electrointensivo, iniciativas para baixar a tarifa da luz á industria e aos consumidores e todas as medidas posibles para favorecer a venda da fábrica, pero a resposta do Goberno foi sempre o silencio, a inacción e o desprezo.
COMPROMETIDOS COA MARIÑA E CON BURELA
Así mesmo, o líder do PPdeG tamén se referiu ás manipulacións da oposición en Burela sobre a Sanidade, que asegurou durante anos que a Xunta quería pechar o hospital da Mariña -a realidade é que non se deixou de ampliar- e desmantelar a atención na zona. “Temos que desmentir as mentiras con feitos e os feitos son que na Mariña temos un hospital de referencia, de futuro, á altura dos tempos e das necesidades dos veciños e terémolo sempre que a nosa Sanidade dependa dun Goberno do PP”, subliñou.
Igualmente, precisou que o compromiso dos populares con Burela é firme e maniféstase na mellora dos servizos públicos, da atención social e no apoio aos sectores económicos da vila. Cómpre indicar que nestes anos púxose en marcha a Escola Infantil dos Castros, aumentouse máis dun 60% o Servizo de Axuda no Fogar, contase con 147 prazas públicas para maiores e 25 para atención á discapacidade, acometeuse a reforma integral do Colexio Virxe do Carme, rematouse o novo acceso ao Porto e apoiouse ao sector do mar con máis de 20 millóns de euros.
O presidente tamén fixo fincapé en que a Administración autonómica estivo ao carón das 16 familias de Burela con alugueiros protexidos e con ameaza de desaloxo. Sobre isto, recalcou que se levou esta situación á reunión coa ministra de Fomento, aseverando que os populares non pararán ata atopar unha solución.
Segundo expresou, “se pensaramos que se traballa pola xente aplaudindo todo o que fai Pedro Sánchez, seríamos do PSOE; e se pensaramos que todo se arranxa facendo moito ruído, pero á hora da verdade pactando todo co PSOE, seríamos do BNG”. Como salientou, o PP non se pode conformar nin coa complacencia dos socialistas nin coa submisión dos nacionalistas: “Nós temos que defender os intereses de Galicia, aínda que sexamos os únicos que o facemos”.
REPRESENTANTES DA POLÍTICA ÚTIL
Na súa intervención no conclave de Burela, no que estivo acompañado pola líder do PP provincial, Elena Candia, e polo candidato á presidencia, Manuel Rouco; Feijóo remarcou a necesidade de poñer a punto a organización de cara ás eleccións municipais.
Neste sentido, recoñeceu que os populares están en todos os concellos porque son os representantes dunha política útil, apegada á terra e á xente. Ademais, admitiu que o seu é un partido de Goberno, independentemente da tarefa que lles toque exercer en cada momento, que traballa dende os executivos para mellorar a vida dos cidadáns pero que tamén é capaz de facer unha oposición responsable, construtiva e leal cos intereses dos veciños.