Santiago, 14 de febreiro de 2022.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se insiste ao Goberno central para que reasigne a Galicia os cerca de 70 millóns de euros que quedaron sen executar dos terceiro e cuarto Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola crise da Covid-19, a consecuencia dos difíciles requisitos de cumprir que se impuxeron por parte do Estado.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, trasladou a felicitación ao Partido Popular de Castela e León, e ao seu candidato Alfonso Fernández Mañueco, polo “éxito acadado ao ganar as eleccións autonómicas celebradas onte e deixado claro que a única opción de goberno pasa porque Mañueco repita”.
“O importante para Galicia é que haxa un Goberno estable en Castela e León, que continúe cooperando coa nosa comunidade cando compartimos obxectivos e intereses”, manifestou.
Así mesmo, Pedro Puy felicitou aos galegos que resultaron ganadores o pasado sábado dun premio Goya: Chechu Salgado, como actor revelación; Zeltia Montes, mellor banda sonora orixinal por “El buen patrón”; Xosé Zapata, co-director do mellor corto de animación: “The Monkey”; e Chelo Loureiro, directora da película de animación “Valentina”. “Son uns premios que reflicten o bo estado do noso sector audiovisual, debido á importancia e ao protagonismo de quen obtiveron os premios e dos propios traballadores do sector audiovisual, que tivo un importante impulso gracias, entre outras cousas, á laboura de apoio feita desde a televisión pública autonómica”, manifestou.
REASIGNACIÓN DE FONDOS EUROPEOS
O portavoz popular informou, ademais, da presentación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que os fondos de terceiro e cuarto plans de rescate para traballadores autónomos, profesionais e empresas afectadas pola crise da Covid-19 poidan ser destinados a un novo plan de apoio neste ano 2022 axustado á realidade do tecido empresarial galego.
Puy lembrou que Galicia foi unha das comunidades autónomas españolas que logrou unha máis ampla execución dos fondos dispoñibles, “pero hoxe coñecemos que dos 234,4 millóns de euros achegados polo Goberno central nos terceiro e cuarto plans de rescate tan só puideron executarse arredor de 166 millóns de euros polos requisitos difíciles de cumprir solicitados polo Estado e a sobrecarga burocrática no procedemento”.
Neste sentido, o portavoz popular contrapuxo as máis de 80.000 solicitudes que tiveron os dous primeiros plans de rescate que a Xunta puido xestionar directamente, a través dos que se repartiron en menos de catro meses 182 millóns de euros, coas pouco máis de 15.000 solicitudes que rexistraron os terceiro e cuarto plans de rescate polas condicionantes impostos desde a Administración central.
“O obxectivo é que os cerca de 70 millóns que quedaron sen executar destes fondos estatais poidan ser destinados na súa totalidade ao tecido produtivo galego ao longo do presente ano 2022, impulsando unha nova convocatoria de axudas directas cuns requisitos que se axusten o máximo posible á realidade empresarial de Galicia”, concretou Pedro Puy.