Santiago, 21 de marzo de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe que o Goberno de España “estea ausente” ante os problemas que existen en sectores importantes da economía galega, como o transporte, o agrogandeiro ou o da pesca, e demandou que “poña en marcha medidas que acompañen ás actuacións aprobadas pola Xunta de Galicia axilizando o bono social térmico, blindando o transporte público, aportando liquidez ás empresas agrogandeiras ou suspendendo o pago das taxas portuarias”.
Pedro Puy lembrou a complicada situación que están a vivir sectores como os do transporte, o agrogandeiro ou o pesqueiro polo incremento dos custes de produción e a falta de subministro de materiais, unha situación que “xa se acentuou pola invasión de Ucraína, pero que agora se viu incrementado pola folga do transportes por estrada”.
“Lamentablemente, o Goberno de España permanece ausente e sen aportar solucións a este problema, incumprindo incluso o acordo unánime acadado na Conferencia de Presidentes celebrada hai unha semana para reducir os impostos e baixar o prezo dos carburantes”, apuntou.
Diante desta situación, o portavoz popular salientou que “a Xunta está a adoptar medidas importantes”, como a axilización do lanzamento do bono social térmico, que beneficiará a máis de 66.400 familias que recibirán un ingreso único de entre 128 e 373 euros para os gastos de calefacción, auga quente e cociña; a inxección extraordinaria de 3,5 millóns de euros para blindar o transporte público de Galicia fronte á suba exponencial do prezo dos carburantes; aportando liquidez ás ganderías galegas, tanto pola vía das liñas de financiamento de circulante como de anticipos das axudas que perciben os gandeiros: ou compensando aos profesionais do mar o pago de, alomenos, dous meses das taxas nos portos autonómicos.
“Estas actuación deberían verse acompañadas por medias adoptadas polo Goberno de España, e por este motivo as dúas proposicións non de lei que levamos ao Pleno desta semana teñen como obxectivo a posta en marcha de medidas de apoio e estímulo para os autónomos, así como conseguir unha rebaixa do prezo dos combustibles”, sinalou.
PARALIZAR A REFORMA DO SISTEMA DE COTIZACIÓNS
En concreto, a proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno demanda ao Goberno de España que paralice a reforma do sistema de cotizacións dos autónomos, como mínimo ata que a situación económica se estabilice; ao tempo que, de cara ao futuro, se garanta que calquera reforma do sistema de cotizacións do Réxime Especial de Traballadores Autónomos se realice por consenso e acompañada de medidas tendentes a igualar dereitos, garantías e seguridade co resto de persoas traballadoras por conta allea.
En segundo lugar, o Grupo Popular pedirá que o Goberno central adopte as medidas necesarias, como xa están facendo noutros países europeos, como Francia, Italia ou Portugal, para reducir o prezo dos combustibles a todas as persoas consumidoras.
Neste sentido, Pedro Puy explicou que “os impostos sobre os hidrocarburos están parcialmente cedidos ás comunidades, pero calquera suba ou baixada da recadación non vai ás comunidades autónomas, senón que afecta ás finanzas da facenda pública estatal ata que dentro de dous anos se faga a liquidación definitiva”.
Así, engadiu que “esa recadación adicional que se está a producir coa suba dos carburantes no exercicio no que estamos incrementa a recadación do Tesouro estatal e non ten consecuencias para as comunidades autónomas no presente exercicio, xa que só van recibir o que xa está previsto nas entregas a conta aprobadas polo Consello de Política Fiscal e Financeira e recollida nos seus orzamentos”.