Santiago, 28 de marzo de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, contrapuxo hoxe a “axilidade e rapidez” das medidas adoptadas pola Xunta para contrarrestar a crise provocada pola invasión de Ucraína por parte de Rusia, fronte á lentitude das cuestións que dependen do Goberno de España, pola necesidade de consensuar entre as partes que integran o Executivo e porque algúns factores de intervención directa nalgún mercado poden ser contraproducentes.
A modo de avance, Pedro Puy sinalou que a sesión plenaria da vindeira semana “terá que xirar, unha vez máis, sobre a complicada situación económica, marcada por unha situación previa na que a inflación está cerca do oito por cento e as consecuencias dunha transición enerxética pouco planificada”.
EFECTOS CONTRARIOS AOS DESEXADOS
Á espera de coñecer máis polo miúdo as medidas avanzadas hoxe polo Presidente do Goberno e que mañá serán aprobadas na reunión do Consello de Ministros, o portavoz popular lamentou que, “unha vez máis, o Goberno central está a chegar tarde, despois do fracaso da iniciativa que promoveu na reunión do Consejo Europeo e de que se chegara a un acordo final que supón illar a España do mercado enerxético europeo, que aínda está pendente da súa materialización e do visto bo por parte dos socios comunitarios porque algunhas das medidas, ao ser tan intervencionistas, poden conlevar efectos contrarios aos desexados”.
Pedro Puy explicou que as consecuencias do impacto da crise motivada pola invasión de Ucraína estanse a comprobar en que xa se pediron 94 solicitudes de ERTE na Consellería de Emprego desde o pasado 24 de febreiro, que afectan aos sectores da metalurxia, industria madereira, industria do pan, a pesca e acuicultura, automoción, fabricación de produtos de ferro e da alimentación, hostalería e servizos e transporte, entre outros.
Diante desta situación, lembrou que a Xunta xa ten adoptado varias medidas. En primeiro lugar, axilizouse o lanzamento do Bono Social Térmico, que chegará a 66.000 fogares; inxectouse liquidez ao sector gandeiro pola vía do financiamento de circulante e de anticipo de axudas, especialmente os 200 millóns de euros da PAC; compensouse ao sector do mar o pago de dous meses de taxas portuarias; e aprobouse unha inxección extraordinaria para todo o transporte público de viaxeiros por estrada fronte á suba dos carburantes.
Así mesmo, a pasada semana aprobáronse axudas para as pequenas e medianas empresas a través do IGAPE para cubrir as necesidades de liquidez; activouse un programa de préstamos directos para a industria manufactureira; habilitáronse mecanismos para flexibilizar os préstamos directos da Xunta ás empresas; activouse un novo bono enerxía dirixido a comercios, hostalería e pequenas e medianas empresas para equipamentos que reduzan o consumo enerxético; activouse o bono turismo para dinamizar o consumo interno; e reforzáronse as medidas xa activas para que as familias poidan facer fronte á factura da luz.
COMPATIBILIZAR CARGOS
Cuestionado sobre a crítica dos socialistas galegos á que o Presidente da Xunta compaxine o seu cargo co de Presidente do Partido Popular, Pedro Puy comparou esta situación coa que vive o secretario xeral dos socialistas galegos, que ao mesmo tempo é Presidente da Deputación de A Coruña e alcalde de As Pontes.
“Espero que, do mesmo xeito que está a facer Feijóo, o señor Formoso saiba distinguir cal é a súa función en cada momento, porque desde o PPdeG non lle botamos en cara que utilice a súa Presidencia na Deputación para facer carreira política á fronte do PSdeG”, sinalou.
Ademais, ironizou co feito de que tanto o BNG como o PSdeG solicitaran no último pleno do Parlamento galego a comparecencia urxente do Presidente da Xunta e, cando esta demanda se aceptou desde o Grupo Popular e tivo lugar a comparecencia para informar das medidas adoptadas polo Goberno galego ante a crise motivada pola invasión de Ucraína, afirmaran que estaba a utilizar a Cámara galega para facer proxección a nivel nacional.