Santiago, 25 de abril de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “custa entender que tanto BNG como o PSdeG non recoñezan que Galicia precisa unha lei que mellore a xestión do ciclo da auga”, polo que avanzou que o PPdeG rexeitará mañá no Pleno as emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición a este texto lexislativo.
Así mesmo, lembrou que o Grupo Popular demandará ao Goberno central na sesión plenaria a conexión de Vigo á rede eléctrica de moi alta tensión, así como a revisión dos coeficientes redutores aos efectos de que os traballadores do mar poidan acceder á pensión de xubilación.
Pedro Puy lembrou que o Pleno inclúe a aprobación da Conta Xeral da Administración galega correspondente ao ano 2019, unha vez que foi fiscalizada por parte do Consello de Contas.
CONCIENCIA XERAL PARA MELLORAR A XESTIÓN DA AUGA
Así mesmo, respecto do debate das emendas á totalidade de BNG e PSdeG ao proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, Puy manifestou que “hai unha conciencia xeral na necesidade de mellorar o ciclo da auga”, tendo en conta que “Galicia aínda ten algúns concellos con carencias en materia de saneamento e abastecemento de auga”.
O portavoz popular lembrou que se trata dunha competencia municipal, aínda que destacou que a Xunta está a apoiar aos concellos para a prestación destes servizos. Deste xeito, explicou que a través desta nova lei a Xunta ofrecerá aos municipios a posibilidade de encomendarlle a Augas de Galicia, sempre de forma voluntaria, a xestión dos diferentes servizos da auga para obter garantías da súa eficiencia e eficacia, apostando por un uso racional do recurso e polo aforro da auga. Ademais, a Xunta asumirá un terzo do custo das obras que se identifiquen como necesarias para o bo funcionamento do sistema.
Pedro Puy demandou aos grupos da oposición que deixen a un lado a súa oposición á nova lei de mellora de xestión do ciclo da auga e “intenten mellorar durante a súa tramitación parlamentaria este texto útil e necesario para que Galicia avance nesta cuestión”.
ATENDER AS NECESIDADES ELÉCTRICAS DE VIGO
Respecto das proposicións non de lei que se debaterán no Pleno, o portavoz popular incidiu que “non acabamos de entender por que o Goberno de España non rectifica a súa decisión e inclúe na planificación da Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión, xunto coa construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos para atender as necesidades de subministro da industria viguesa, demostrando así o seu compromiso con esta cidade e o sector da automoción”.
“Vigo é actualmente a única cidade de España con máis de 250.000 habitantes conectada a unha rede eléctrica básica, ao tempo que a planta de Stellantis en Balaídos é a única gran fábrica española de coches sen subministro a máis de 220 kV”, lamentou o portavoz popular, quen criticou que o Goberno central “desatendera as reiteradas solicitudes, tanto da empresa Stellantis, como de todo o sector da automoción desta comarca, así como da propia Xunta e deste Parlamento” para dotar a Vigo e á súa comarca dunha conexión á rede de moi alta tensión.
Así mesmo, Pedro Puy recordou que esta situación “coincide coa publicación de informacións que apuntan á descentralización da sede nacional do Instituto Español de Oceanografía a Cartaxena e Santander”. “Non entendemos que Galicia non teña presenza neste novo escenario tendo en conta que somos a principal potencia pesqueira, marisqueira e acuícola en España e Europa, ao que se suma que Galicia é unha potencia no ámbito da investigación mariña e as sinerxias que o Instituto Español de Oceanografía tería co Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo”, apuntou.
En segundo lugar, o Grupo Popular insistirá ao Goberno de España para que inicie o proceso de revisión dos coeficientes redutores aplicables aos traballadores do mar para adecualo ao tempo de traballo efectivamente realizado e que poidan percibir a súa pensión con anterioridade ao cumprimento da idade esixida con carácter xeral.
“A situación na actualidade é distinta polo que consideramos necesario facer unha aclaración de como computan os tempos de permanencia no mar aos efectos de cumprir os requisitos para a xubilación ao tratarse dunha actividade considerada perigosa”, afirmou Pedro Puy.