Santiago, 14 de xuño de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposición de lei do BNG sobre residencias de maiores “é unha emenda á totalidade do modelo que nacionalistas e socialistas levan practicando anos alá onde gobernan”, ao tempo que supón “un novo intento do nacionalismo galego por marcar diferenzas co resto de España nun momento no que as comunidades autónomas están traballando co Goberno central un documento de consenso que defina o novo modelo residencial para toda España”.
Alberto Pazos considerou “un enorme exercicio de hipocrisía que o BNG se erixa en defensores da xestión pública directa cando antes, durante e despois da pandemia apostaron xusto polo contrario: a privatización masiva das residencias que xestionan”.
En concreto, e centrándose nas residencias que socialistas e nacionalistas xestionan a través da Deputación Provincial de Lugo, dixo que teñen privatizadas ou en proceso de licitación as residencias de Ribadeo, Trabada, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita, Castroverde ou Meira. “Prometen un modelo que son incapaces de ofrecer onde gobernan, e por iso carecen de credibilidade”, sinalou.
O viceportavoz popular cualificou de “desafortunado” presentar o modelo nacionalista de residencias no momento no que todas as comunidades autónomas están traballando co Goberno central un documento de consenso sobre o novo modelo residencial para toda España. “Un modelo con condicións mínimas idénticas para todos os usuarios, coas mesmas posibilidades reais e acceso, e con criterios obxectivos de financiación de prazas”, apuntou.
INCOHERENCIA SOCIALISTA
Relacionado con este modelo nacional, Alberto Pazos criticou que os socialistas galegos votaran a favor desta proposición de lei do BNG, “amosando falta de coherencia e de respaldo ao traballo que están a facer os seus compañeiros no Goberno de España para consensuar un modelo único de residencias a nivel estatal”.
Neste sentido, Pazos lembrou que “o Goberno galego tamén ten un modelo propio de residencias construído a través da achegas de profesionais, especialistas, asociacións, usuarios e tamén dos distintos partidos políticos, que avanzará na humanización das residencias, o aproveitamento das novas tecnoloxías, a coordinación sociosanitaria e incorporando melloras arquitectónicas”.
Para rematar, Alberto Pazos criticou a proposición de lei do BNG porque está “trufada de partidismo, ao pretender que o que non comparte as súas ideas ou prantexamentos non busca o mellor para os nosos maiores”. Así, asegurou que “é un argumento totalmente falso” e salientou que o PPdeG leva anos traballando para conseguir o mellor para os nosos maiores, aprobando o maior orzamento en política social da historia, duplicando os recursos materiais para dependencia ou protexendo aos nosos maiores durante a pandemia”.